Adega Sidrón, do viño a granel á aposta pola calidade no alto Navia

blank

“Non é que nós nos empeñemos en ter vides agora, aquí sempre as houbo, quizais agora é cando menos hai porque se perderon moitos viñedos no Navia alto, pero os nosos pais xa facían viños a granel para a casa e os excedentes vendíanos, como se facía na maioría das casas desta zona”, explica Paco Sanromán, que xunto á súa irmá Rosa están á fronte da Adega Sidrón.

Fai 8 anos decidiron dar un salto de calidade construíndo unha pequena adega na que poder embotellar o viño das barricas de toda a vida. “Antigamente as adegas estaban nos baixos das casas. Nós fixemos obra nova para ter máis espazo e altura”, explica Paco. Fixérona eles mesmos e gastaron uns 30.000 euros no material, cunha sala onde elaboran, fermentan e embotellan e unha pequena sala de catas ao lado onde reciben cada vez a máis visitantes. “Vennos moi ben tamén para comer todos cando facemos a vendima”, bromean.

Queren pasar das 4.000 botellas actuais a 15.000 nos vindeiros anos

Parte da maquinaria xa a tiñan e o resto mercárona. Aí comezou un camiño cara a profesionalización que semella imparable. Paco deixou o seu emprego como camioneiro en Oviedo, onde traballou 17 anos, para, con 39, adicarse de cheo á adega. A súa irmá Rosa tamén optou por incorporarse á actividade agraria.

Entre os dous agardan medrar desde as 4.000 botellas actuais até as 15.000 ás que queren chegar para que o proxecto sexa viable e rendible para dúas persoas. “Somos conscientes de que temos que seguir medrando, coas 2,5 hectáreas de viñedo que temos hoxe non nos chega”, explica. Pretenden chegar até as 4 hectáreas.

Do cacho á copa

blank

Cacho para trafegar o viño e tamén para bebelo, tradicional en todo o val do Navia

Se algo define os viños do Alto Navia é o cacho. Trátase dun cunco de madeira usado tradicionalmente nesta zona tanto para trafegar o viño como para bebelo. Aínda hoxe o hai en todas as casas que fan viño. E non podía faltar no logo da Adega Sidrón. O cacho facía parella co canado, unha xerra tamén de madeira típica da zona de Negueira coa capacidade de 5,8 litros e que se usaba para medir o viño historicamente.

“Temos que quitar carga de uva á cepa pero iso é doloroso porque vimos do granel, onde o que se buscan son litros”

Pero pasar do viño a granel ao etiquetado, o que significa pasar do cacho e o canado á copa e á botella, supón tamén substituír cantidade por calidade. Un proceso no que ao mesmo tempo que Rosa e Paco están tratando de incrementar a extensión e o número de cepas que teñen, tamén están a reducir a súa produción por hectárea para gañar en calidade. “É difícil concienciarse de que hai que quitar carga de uva á cepa. Iso é doloroso para moitos veciños aquí, porque vimos da produción a granel onde o que buscabas eran litros. Temos variedades de moito vigor e temos que quitar, esa é a maneira de mellorar”, defenden.

Recuperación de castes ancestrais

blank

Do mesmo xeito, Adega Sidrón, que leva o nome da casa familiar, está a reemprazar as variedades foráneas que foron chegando ao val do Navia nas últimas décadas por variedades autóctonas que levan séculos na zona. Son castes como a branca lexítima ou o tinto sorodio, menos produtivas pero máis interesantes desde o punto de vista da diferenciación zonal.

Os bodegueiros deste pequeno concello están a recuperar nos últimos anos a tradición vinícola da zona apostando por variedades autóctonas como a branca lexítima, o verdello tinto e o tinto serodio

“O tinto sorodio, por exemplo, é unha variedade pouco produtiva e de racimo máis pequeno. Para o granel non é interesante, polo que nos últimos 25 anos a xente puxo mencía, que é moito máis estable e produtiva. Buscaban máis litros, así que entraron variedades como jerez, godello ou mencía. A xente aquí ten un pouco de todo e nós estamos revertendo todo iso e volvendo a castes autóctonas, en branco volvendo a poñer branca lexítima e en tinto arrincando godello e mencía, que son variedades que a nós non nos aportan nada, e poñendo tinto sorodio e merenzao”, explica Paco. Esa foi unha das claves neste proceso de rexurdir vitivinícola da zona.

Cuna da branca lexítima

blank

Esas variedades autoctonas que se estaban a perder son as que dan a personalidade diferenciada aos viños de Negueira, como a branca lexítima, que é como se coñece nesta zona a uva branca do país, e que está en auxe. É unha caste que comparten distintas zonas, desde o val do Navia, Betanzos, o Barbanza, Cangas do Narcea en Asturias e mesmo algunha zona de León, pero considérase orixinaria desta conca do Navia.

Unha das súas características é a súa acidez, “que tamén fai que o viño dure máis, porque a acidez é un conservante natural”, di Paco. Para reducir esa acidez, que no val do Navia é menor que no resto de localizacións onde tamén se encontra esta variedade, embotéllase máis tarde. “Esa acidez necesita moldearse e perfilarse polo que temos o viño máis tempo na cuba”, explica. Tamén mellora unha vez embotellado. “O tempo en botella venlle ben a este viño, estamos vendo que botellas que estamos abrindo agora están mellor que fai un ano”, di.

Facendo revivir viñas improdutivas

blank

Vides centenarias que está a recuperar Adega Sidrón

Paco e Rosa teñen neste momento 2,5 hectáreas de viñedo en produción. Pensan seguir medrando do mesmo xeito que o fixeron até o de agora, recuperando e poñendo a producir vides que estaban desaproveitadas. “Ademais das cepas que tiñamos nós (unha hectárea que os seus pais, Juan José e Marina, herdaron dos seus antepasados) arrendamos viñas a veciños do lugar, estaban todas en produción, unhas máis atendidas e outras menos, porque aquí a xente é cada vez máis maior e non pode atendelas”, describe Rosa.

Están arrincando variedades como mencía ou godello e plantando tinto sorodio e merenzao

“O recuperar viñas vellas o que nos dá é atoparnos coas variedades que levan nesta zona moito tempo”, engade. E con esas mesmas castes están plantando novas fincas para iren incrementando produción. As variedades autóctonas que están plantando son adquiridas en viveiros. “Traemos moita cepa de viveiro e pode que algún problema nos poida chegar por aí”, razoa Paco, que considera que “o ideal sería ter viveiro propio pero até agora non foi posible”.

Tratamentos naturais

blank

Nesta zona teñen problemas co mildeu, “que sempre houbo”, recoñecen, e comezan a aparecer tamén outras enfermidades. “Empézase a ver algo de iesca e eu achácoo ao tema dos viveiros”, di Paco. Na adega Sidrón buscan a profesionalización pero mantendo os métodos e sistemas de produción tradicionais da zona, minimizando todo o posible os tratamentos químicos.

Manteñen os métodos e sistemas de produción tradicionais da zona, como o pastoreo con ovellas que, ao mesmo tempo que rozan, tamén fertilizan as parcelas

“Aplicamos medidas naturais de prevención e saneamento e nunca usamos herbicidas. Só tratamos a viña se hai risco real de enfermidade, con produtos pouco agresivos para a fauna autóctona, aliados naturais para loitar con algunhas pragas dos viñedos”, explican. É habitual ver tamén, entre as súas cepas, un rabaño de ovellas que, ao mesmo tempo que lles serven de desbrozadoras naturais, tamén fertilizan o chan.

Parcelas pequenas difíciles de mecanizar

blank

O viño prodúcese entre os 220 e os 320 metros de altitude e o solo nestas ladeiras escarpadas é dunha mestura de arxila e pizarra. Todas as que teñen son fincas pequenas, moi difíciles de mecanizar e que hai que traballar á man. “Conseguimos unir varias e facer unha máis grande, duns 3.000 metros cadrados, o resto todas de aí para abaixo”, indican.

A recuperación dos viñedos nestas leiras escarpadas, difíciles de mecanizar, fai que o traballo, tanto de coidado das vides como de vendima, sexa fundamentalmente á man

Unha das primeiras fincas que colleron en renda no ano 2013 foi A Marcada, no lugar de Vilaseca. “Estaba abandonada cando a collimos. Ten cepas centenarias de verdello, tinto sorodio e branca do país”, explica Paco. Produtores coma eles permiten unha alternativa a propietarios que, por idade ou por outros motivos, deixan de traballar os viñedos e anima tamén a outros veciños a recuperar os seus.

Aposta pola diferenciación

blank

A Marcada é un viño de finca que maduran en barrica, o emblema da adega xunto á Valía

A Marcada dá tamén nome a unha das catro etiquetas coas que Adega Sidrón embotella os seus viños. É unha mestura de merenzao (55%) tinto sorodio (40%) e algo de mencía (5%). Outra das botellas, A Valía, faise con tinto sorodo 100% e está durante 6 merses en barrica e o DPieiga tinto leva un 60% mencía e un 40% tinto sorodo. En brancos, fan un monovarietal de uva branca lexítima 100% e fixeron tamén probas con verdello branco.

Paco e Rosa decidiron darlle un enfoque comercial e profesional á súa bodega familiar

Todos os seus viños son frescos e suaves en boca, limpos, brilantes e con aromas francos. “Os nosos viños reflicten a mestura perfecta de estrutura, aroma, cor e acidez, que enchen de matices florais o padal. Elaboramos catro variedades de viños brancos e tintos que son o resultado dun equilibrio perfecto entre clima, terra e tradición. A acidez, o grao alcohólico e o pH dependen moito da climatoloxía do ano en curso”, explican.

Producións limitadas

blank

Os adegueiros de Negueira apostan hoxe claramente pola diferenciación, fóra do gusto estándar e as superproducións de moitas outras zonas produtoras. Por iso, cando Paco e Rosa decidiron darlle un enfoque comercial e profesional á súa bodega familiar, apostaron por recuperar a calidade aínda a costa de reducir a produción que nalgún momento se buscaba na zona, nos tempos nos que os produtores de Negueira vendían o seu viño a granel.

A principal peculiaridade do viño de Negueira, a súa pequena produción, é algo que tamén o fai exclusivo. No 2017 produciron 4.000 botellas entre os tres viños que comercializaban nese momento baixo a marca Dpieiga, pero ao ano seguinte tiveron menos produción. “Elaboramos entre 2.000 e 4.000 botellas de viño en cada campaña, dependendo do ano”, xustifica Paco.

“Elaboramos, dependendo do ano, entre 2.000 e 4.000 botellas de viño en cada campaña”

Comercializan nas catro provincias galegas, Asturias, Alicante e Barcelona. “Non temos problema para dar saída á produción, sobre todo o branco”, indica Rosa. Cando comezaron hai 8 anos plantaron en total uns 8.000 metros cadrados de viñedos que agora comezan a estar en plena produción, o que lles vai facer ir incrementando o número de botellas nos vindeiros anos.

Un viño único feito nun lugar único

blank

Vista do embalse de Grandas, no río Navia, ao seu paso por Negueira de Muñiz

Negueira de Muñiz pasa por ser un dos lugares máis peculiares de Galicia e ten tamén un dos viños máis peculiares e diferentes de todo o país. O municipio atópase situado no extremo oriental da provincia de Lugo, formando unha lingua que penetra en terras da veciña Asturias. Metido nun val e protexido por altas montañas, conta cun microclima propio, de tendencia atlántica pero con veráns calorosos, moi proclives para a produción de viño, o que fixo que fose este un cultivo moi enraizado neste lugar desde hai séculos.

O val do Navia conta cun patrimonio varietal moi interesante nun marco xeográfico e climático diferente

Sen embargo, a construción na década dos 50 do século pasado do encoro de Grandas de Salime, ademais de dividir á metade as seis parroquias do concello, deixando tres a un lado e tres ao outro do río, incomunicadas por estrada até fai ben pouco e obrigando a boa parte da poboación a emigrar, anegou tamén grande parte da superficie adicada historicamente a vide, nas zonas máis baixas, próximas ao río. Aquilo supuxo abandono, viñedos mergullados e adegas sen uso.

Os colleiteiros que quedaron seguiron facendo viño para autoconsumo e vendendo os excedentes en poboacións veciñas non produtoras. Un cultivo diferente, onde se preservaron cepas moi vellas, cun patrimonio varietal moi interesante, nun marco xeográfico e climático diferente. Son todos elementos que fan deste un viño singular.

Avanzando nunha IXP propia

blank

Chegar a Negueira de Muñiz é pasar de golpe dos 1.000 metros da altitude da Fonsagrada aos 300 de Pieiga. Todo isto unido a un clima variable e atlántico que dá moita singularidade ao lugar e alimenta as cepas antigas coas que traballan. Aos pés do embalse de Grandas e seguindo o serpenteante río Navia dáse un microclima especial que permitiu, historicamente, a produción de viño.

“Temos temperaturas no verán entre os 33 e os 38 grados, estamos máis ao norte pero as condicións para producir viño son boas”, describe Paco. Esas condicións permítelles vendimar, dependendo do ano, entre o 15 e o 20 de setembro. “Lévanos como moito unha semana e a mediados ou finais de maio comezamos a embotellar”, explica.

As temperaturas no verán oscilan entre os 33 e os 38ºC, o que permite comezar a vendimar a mediados de setembro

A evolución nos últimos anos dos viños do Alto Navia foi moi boa pero a falla dunha dun selo de calidade diferenciada que os acolla é un hándicap para o seu crecimento. Por iso os produtores desta zona están loitando para conseguir unha Indicación Xeográfica Protexida propia. Ampararía os viños que se elaboran nas parroquias que dan ao río dos concellos de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada. En total nesta zona quedan unhas 24 hectáreas de viñedos en produción actualmente e hai unha vintena de produtores, a maioría para autoconsumo, xa que na zona só hai dúas adegas con rexistro embotellador, as dúas en Negueira, Adega Sidrón e Adega Panchín, propiedade de Manuel Cancio, o primeiro que comezou a embotellar viño alá polo ano 2000.

blank

Instalacións da Adega Sidrón, unha das dúas únicas con rexistro embotellador no lado galego

“Se conseguimos que a IXP vaia adiante eu penso que haberá máis xente que se anime a cambiar o sistema tradicional de viño a granel desta zona por este outro de embotellar e apostar pola calidade”, afirma Paco, que preside a Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, a entidade que está a promover a IXP.

“Sería positivo que traballaramos en conxunto as adegas de Galicia e Asturias. Legalmente sería posible estar na mesma Denominación de Orixe, igual que Rioja ten adegas en varias comunidades”

Augas arriba do Navia, pegado a Negueira pero do lado asturiano atópase Ibias. Tamén alí se produce viño. Comparten as mesmas castes e variedades autóctonas que do lado galego pero eles pertencen á Denominación de Orixe de Cangas do Narcea. Pero “Ibias non ten nada que ver coa zona do Narcea, as condicións son distintas. A zona do Navia é máis favorable para o viño, nós vendimamos o 15 de setembro, en Cangas non poden comezar até outubro. As diferenzas son notables e os viños tamén”, explica Paco.

Unha Feira do Viño que é todo un éxito

blank

En Negueira faise todo a pequena escala salvo unha cousa: a súa Feira do Viño. Este concello, o que menos habitantes ten de toda Galicia, é tamén unha das zonas de produción de viño con identidade propia máis pequenas do mundo. Sen embargo, a súa Feira do Viño é unha festa grande, por todo o alto. “É un éxito absoluto, levamos 9 edicións e logrou mesmo que se coñecera Negueira fóra. Logramos ubicar Negueira de Muñiz no mapa grazas ao viño”, di orgulloso Paco. A asociación de adegueiros é tamén quen organiza a Feira en colaboración co Concello.

“Logramos ubicar no mapa un concello pequeno como é Negueira, o menos poboado de Galicia, grazas ao viño”

En Negueira non se saca o viño novo até ben entrado o mes de maio pero faise unha excepción para probalo na Feira do Viño de finais de abril. Os produtores do alto Navia, tanto as dúas adegas que embotellan como os que fan viño para autoconsumo na casa, estrean para a festa o seu viño novo, que despois precisa en ocasións aínda algo máis de tempo de repouso para dar forma á acidez típica das variedades desta zona.

Hoxe por hoxe, a riqueza da paisaxe (Negueira de Muñiz forma parte da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e das Terras de Burón) e o seu viño son neste momento os principais atractivos deste concello de pouco máis de 200 habitantes. A Festa do Viño de Negueira, que comezou sendo unha xuntanza de amigos, foi medrando até xuntar nas últimas edicións a unhas 700 persoas, triplicando polo tanto a poboación habitual do municipio. “Para o pobo é un día de festa total. Non estamos acostumados a ver tanta xente aquí, para algúns veciños é mesmo estresante”, ironiza Paco. Xa se sabe que Negueira é lugar de paz e amor, por iso ten comuna hippie desde hai décadas.