A actividade da fábrica de Alibos Galicia SL remóntase ao ano 1968. Desde entón nesta empresa de Monterroso (Lugo) traballan con esmero no aproveitamento de produtos silvestres da zona, como os cogomelos e as castañas, así como outros produtos de cultivo da comarca da Ulloa, por exemplo, os espárragos verdes ou as framboesas, todos produtos naturais, da mellor calidade, que exportan desde Galicia aos principais mercados mundiais.
Pola súa traxectoria nestes 50 anos Alibos contribuíu de maneira decidida á recuperación da produción de castaña na comunidade. Grazas á súa privilexiada localización, situada no centro de Galicia, e debido á súa aposta por produtos autóctonos e naturais, trátase dun dos maiores produtores mundiais de castaña pelada e conxelada, exportando a súa produción aos máis importantes mercados mundiais, onde se elaboran suculentos produtos derivados da castaña: fariña, puré, marron glacé, en conserva con caldo de azucre, en conserva ao natural, etc. Manxares da cociña tradicional, reinventados hoxe como produtos delicatessen presentes nas mellores cociñas mundiais.
Castaña pelada, puré e crema de castañas
As castañas da mellor calidade recíbense diariamente, de outubro a decembro, nas instalacións de Alibos en Monterroso, someténdoas ao máis avanzado proceso tecnolóxico de pelado, selección e ultraconxelación, obtendo así unha castaña pelada e ultraconxelada que mantén todo o seu sabor, textura e cor.
Nun radio 150 km da fábrica concéntrase o 90% da produción de castaña da Península Ibérica polo que a localización de Alibos é privilexiada para a transformación deste froito
A empresa propiedade de Jesús Quintá tamén elabora, a partir de castaña, un fino puré natural ultracongelado e sen aditivos, para a elaboración de conservas ou acompañamento de deliciosos pratos, así como unha crema de castañas envasada en tarros de cristal, lista para ser consumida polos padais máis esixentes.
Produción ecolóxica e dentro da IXP Castaña de Galicia
Alibos está firmemente comprometida coa calidade e seguridade dos seus produtos. Por iso, están certificados como produtores e elaboradores de produto ecolóxico e dispoñen de produtos amparados pola certificación IXP Castaña de Galicia.
Así mesmo, desde o 2005, esta empresa está certificada nos estándares IFS Food e BRC Global Standard for Food Safety, as normas de calidade alimentaria máis esixentes no mundo.
Un alimento con múltiples posibilidades que gaña prestixio
Atopáronse vestixios da presenza da castaña (Castanea sativa) como alimento desde o Paleolítico, cando constituía unha parte fundamental da dieta do home. Desde entón o castiñeiro acompañou a historia da humanidade, producíndose o seu maior desenvolvemento e implantación en España durante a presenza dos romanos. Nesta época, as castañas consumíanse asadas, crúas, secas ou en fariña, formando parte da dieta durante todo o ano.
A partir do século XVI, coa incorporación das patacas e o millo chegados de América e o desenvolvemento de enfermidades do castiñeiro, a castaña foi quedando relegada, co paso dos anos, a un alimento para as clases sociais máis baixas e os seus animais domésticos.
Nos últimos anos a consideración da castaña foi gañando prestixio, facéndose un oco na alta cociña e introducíndose nos principais mercados internacionais
Pero nestes últimos anos, a consideración da castaña sufriu unha transformación importante, adquirindo unha imaxe máis sofisticada. A súa demanda foi a protagonista dun auxe procedente da revalorización dos produtos artesáns así como a súa utilización na alta cociña, compartindo mesa coas máis selectas exquisiteces e introducíndose nos principais mercados internacionais.
Contribución ao desenvolvemento sostible dos bosques
A existencia dunha empresa como Alibos serviu nas últimas décadas para incentivar a recuperación da produción de castañas en Galicia. Para contribuír a este obxectivo, a empresa dispón do Proxecto Soutos, encamiñado a realizar novas plantacións e á recuperación de antigos soutos de castiñeiros centenarios que se atopan abandonados, co fin de apoiar un desenvolvemento sostible do medio rural e a conservación da biodiversidade dos bosques tradicionais de Galicia, á vez que aseguran desta forma aos seus clientes de todo o mundo un produto de inmellorable calidade e con garantía de orixe.

Unha das plantacións de castiñeiros realizada por Alibos dentro do seu Proxecto Soutos