Casa da Fonte, transformar o leite e difersificar as producións

blank

Os baixos prezos do leite, a falta de tempo libre ou os investimentos continuos en maquinaria e instalacións que endebedan ás ganderías son queixas recorrentes nas persoas que traballan no sector. Sen embargo, tal e como dixo Albert Einstein nunha das frases que se lle atribúen: “Non pretendamos que as cousas cambien se sempre facemos o mesmo”.

Esta reflexión tamén a debeu facer Xosé García Freire, un mozo gandeiro do concello lucense de Pantón. A súa gandería, a Casa da Fonte, non ten establo, conta con tempo libre e ademais con apenas 30 vacas en muxido consigue xerar 3 salarios. E aínda por riba, nótaselle moi satisfeito co traballo que fai. Cóntanos como o consegue. Unha pista: define as súas vacas como “segadoras autopropulsadas que traballan co mínimo custo e co máximo rendemento”. E algo moi importante, fala sempre de “nós”, incluíndo aos seus dous traballadores, aos que considera parte clave do éxito da súa empresa.

A explotación está certificada polo Craega e produce en ecolóxico

“Os meus pais tiñan unha pequena granxa de vacún de leite e dende pequeno crieime no medio de animais e sempre me tirou isto. Por iso, fun estudar Enxeñería Agrónoma a Lugo, e non pensei xa en buscar traballo noutra cousa ao rematar os estudos. En febreiro de 2011 incorporeime e collín o relevo aos meus pais”, conta.

O seu foi, pois, vocacional, pero o seu mérito está, quizais, en converter o pasado en modernidade, porque moitas veces innovar non significa máis que adaptar técnicas tradicionais aos modos de hoxe.

Transformar para crear valor

blank

Venden o seu leite pasteurizado e elaboran queixo, iogures e manteiga

A parte principal do proxecto de Casa da Fonte, ubicada no lugar de Mañente, é a explotación leiteira que Xosé herdou do seu pai, e, a partir da produción das vacas, elaboran e venden leite pasteurizado, iogures, queixos e manteiga. En total, procesan uns 1.500 litros de leite á semana de media, dos que uns 800 van para leite fresco pasteurizado e o resto para queixos, iogures e manteiga.

“Ao transformar dáslle máis valor engadido ao leite e xeras máis postos de traballo”

O 1 de febreiro deste ano Xosé cumpriu unha década á fronte da explotación. Aínda lembra aquel momento porque a primeira decisión que tomou na granxa foi botar as vacas fóra da corte e aquela corte é hoxe o obradoiro onde elaboran os seus produtos derivados do leite. Deste xeito lograr valorizar a produción e crear catro postos de traballo.

Aquela corte da que saíron as vacas fai 10 anos para non volveren é hoxe o obradoiro onde elaboran os seus derivados lácteos

“O obxectivo que me planteei con este tipo de granxa era poder ter tempo libre, ter o control sobre os meus produtos, o prezo ao que os vendo e a quen llos vendo, e tamén manter as condicións do medioambiente do entorno en bo estado, de forma que isto fora sustentable”, resume Xosé.

Comercialización directa

Para dar saída aos seus produtos, en Casa da Fonte apostan pola venda directa ao consumidor e pola comercialización en pequenas tendas de proximidade ou de produtos ecolóxicos. “Temos un posto de venda na propia granxa e despois levamos a restaurantes e a tendas dos pobos de arredor, así como a outras vilas e cidades de Galicia, como Monforte ou Ourense. Neses establecementos o propietario sabe explicar ao consumidor como é o noso produto e como traballamos”, destacan. Até a chegada do coronavirus tamén recibían na explotación a grupos de escolares e outro tipo de visitas ás que lles amosaban o seu xeito de traballar e lles daban a probar o leite, o queixo ou os iogures.

“As vacas pacen en pradeiras naturais e iso fai que o noso leite cambie ao longo do ano. Hai que volver acostumar ao consumidor aos sabores naturais”

A alimentación dos animais, a base de pasto e produtos naturais, serve a esta gandería para diferenciar os seus produtos. “As nosas vacas están sempre no exterior, pacendo ao aire libre, e as nosas fincas son de pradeira natural, co cal teñen moita diversidade de especies e iso dálle moitos matices diferentes ao leite, de olor, sabor e color ao longo do ano porque as especies das pradeiras van cambiando con cada estación. A moita xente sorpréndenlle eses cambios porque o consumidor xa se habituou a un produto estandarizado e industrial que se vende nos supermercados, que é idéntico ao longo de todo o ano. Hai que volver acostumar ao consumidor aos sabores naturais”, defende. As porcentaxes de sólidos tamén varían, pero a mestura de razas garante que haxa sempre uns niveis idóneos para facer queixos ou iogures.

Un sistema de produción multifuncional

blank

Os porcos son alimentados con produtos da horta e co soro do leite logo de facer os queixos

Pero en Casa da Fonte apostaron tamén por diversificar as producións a través da avicultura artesanal, cunhas 90 galiñas, entre polas e pitas en produción, que alimentan coa horta da casa, co que apañan na finca e con cereal ecolóxico. Logo venden os ovos e tamén os polos cebados.

E, de xeito complementario, tamén crían porcos ao aire libre, que se alimentan tanto dos produtos da horta, como do soro da queixería e do que apañan no monte. “Aproveitamos tanto o soro dos queixos e os iogures e o leite que pasan a data de consumo preferente para alimento para os cochos, así como os restos da horta e cereal ecolóxico, ademais o pastoreo que fan eles nas fincas e as landras que apañan”, detalla Xosé.

Os distintos tipos de gando producen unha simbiose que lles permite mellorar as pradeiras

“A idea que temos é que haxa diversidade. Creo que a diversificación debería ser fundamental nas granxas e, de feito, se un viaxa por outros países de Europa é habitual que unha gandería de vacún de leite tamén produza cereal e horta, por exemplo. Está claro que supón máis traballo, pero tamén é incuestionable que ao diversificar estás máis protexido fronte ás crises de prezos”, razoa Xosé.

blank

As galiñas van rotando polas pradeiras, aproveitando o pasto e os insectos e acabando de fertilizar

A multifuncionalidade que buscan nas producións tamén ten beneficios a outros niveis. “Estamos comprobando que diversificar o tipo de gando introducindo outras especies mellora o aproveitamento das pradeiras. Os porcos, por exemplo, empregámolos sobre todo para fincas con arborado ou sen aproveitamento real para o gando. Permite limpar os montes e sacar rendibilidade. Tamén facemos uso deles para renovar fincas parcialmente para pradeiras, pois é un animal que deixa a terra removida e abonada, para posteriormente realizar a sementeira e non ter que arar”, explica.

Tralas vacas van as galiñas, completando deste xeito a rotación antes do descanso para o rebrote da pradeira. Os galiñeiros tamén son móbiles e van cambiándoos de zona no prado todos os días

Algo semellante ocorre coas galiñas, que van rotando polas pradeiras a medida que van saíndo delas as vacas. Para iso contan con galiñeiros móbiles que van cambiando de sitio todos os días a medida que as aves van esgotando a parcela na que están. Deste xeito dispoñen de alimento (herba e insectos), fertilizan mellor e máis repartido e non contraen enfermidades por estaren en contacto cos excrementos e as bacterias que neles se xeran. Xosé foi perfeccionando o método a base de experimentar.

Pastoreo día e noite

blank

As vacas están as 24 horas do día pacendo, o que require unha base territorial ampla. “Estaremos utilizando unhas 65 hectáreas, unha boa parte fincas abandonadas que imos collendo. Nestes caso, primeiro facemos un pase coas xovencas e coas vacas secas, e logo rozamos. A continuación, deixamos que se rexenere para crear pasto natural e se é preciso facemos algunha sementeira superficial. Intentamos sempre non levantar os solos”, indica Xosé.

O abonado das pradeiras só se realiza coa bosta e cos ouriños que directamente excretan as vacas

Nesta zona do sur de Lugo os veráns son bastante secos e invernos máis duros que noutras zonas produtoras de leite de Galicia, polo que a disposición de pasto en determinadas épocas do ano é menor. Isto soluciónano aumentando a base territorial e baixando a carga gandeira para ser autosuficientes en forraxes e suplementando nas épocas de escaseza. “Traballamos sobre todo con herba seca para os momentos de falta de pasto e suplementamos as forraxes e o pasto cunha media de 1 kilo de penso ecolóxico por animal e día”, detalla Xosé.

“O cemento e os ferros non é o que deixa beneficio nunha gandería”

Así, ao estar o gando todo o tempo fóra, non precisan ter establo. “Intentamos ter o mínimo ferro e cemento posibles porque o único que che xeran son amortizacións e gastos e non é o que che deixa beneficios na granxa”, conclúe Xosé. Contan en total con 85 hectáreas de superficie certificadas polo Craega e agardan seguir incrementándoa.

Aposta polos cruzamentos

blank

Fan rotacións de catro razas: frisona, montbeliard, jersey e roxa sueca

Partindo da raza hosltein, a que había na explotación cando Xosé se incorporou, foron mudando o tipo de gando, na busca de animais máis rústicos e resistentes e que se adaptasen mellor ao sistema de alimentación que empregan.

“Buscamos animais que se adapten moi ben á produción en base a pastos, a vivir fóra, que teñan moi boa fertilidade, que duren moitos anos e con boas calidades do leite. En definitiva, unha vaca moi funcional que aproveite ben os pastos e que non dea problemas”, conta Xosé. Están a facer cruzamentos con 4 razas: frisón, montbeliarde, jersey e roxa sueca buscando que cada unha aporte os seus aspectos positivos.

“O veterinario aquí practicamente non ven a nada, agás que haxa algún problema con algún parto, pero iso tamén pasa moi poucas veces”

A gandería conta con semental propio e fan agrupamento de partos: a metade na primavera e a outra metade no outono, para garantir o subministro de leite ao cliente durante todo o ano. “Nun mes e medio metemos o touro no lote e intentamos que queden preñadas”, explican.

Ao pasárense á monta natural melloraron os índices reprodutivos e a taxa de fertilidade. Cada poucos anos substitúen os touros, cambiando deste xeito de raza nas inseminacións e evitando problemas de consanguinidade. Empregan sempre os sementais de dous en dous, un para as vacas adultas e outro para as xovencas, é dicir, ciclos rotatorios de montbeliard e frisón (para as multíparas) e roxo sueco e jersey (para as primeirizas), neste caso seguindo criterios de facilidade de parto.

Sistema de muxido móbil

blank

A rutina diaria nesta explotación comeza co muxido ás 8 da mañá. Ten lugar nunha sala de muxido portátil que levan até as fincas enganchada ao tractor. Muxir directamente no prado era o único xeito que tiñan de poder aproveitar a totalidade das fincas para pasto, xa que doutro xeito a distancia inviabilizaría levar e traer o gando todos os días para muxírense naquelas máis alonxadas do establo. A superficie está dispersa, nun radio duns 4 quilómetros e moitas das pradeiras eran antes monte que foron domesticando a base de iren introducindo os animais.

“Con este tipo de granxa a idea era ter tempo libre, controlar o prezo de venda e respectar o medio”

Tamén polo tipo de manexo, non buscan animais de alta produción, cos que non sería viable realizar unha única muxidura diaria. “Son vacas de baixa produción que están en torno aos 16 litros por vaca e día nun só muxido e alimentado as crías con leite”, contan. Este muxido único permite que as vacas duren máis, que aumenten as calidades e que eles tamén teñan máis calidade de vida e conten coas tardes libres para elaborar e distribuir os seus produtos.

Xosé mercou o muxemóbil en Lituania, onde os empregan, igual que nas Azores ou noutras zonas de Europa, coma por exemplo nos Alpes, para muxíren o gando nos prados de montaña durante os meses do verán. A monomuxidura reduce o desgaste do gando e evita ter que recurrir ao penso para manter a masa corporal dos animais.

As vacas de Casa da Fonte producen 16 litros de leite comendo só un quilo diario de penso

As vacas de Casa da Fonte dan 16 litros de leite comendo só un quilo diario de penso. Teñen 75 cabezas en total, das que 30 son vacas en produción e, en conxunto, producen uns 450 litros de leite ao día que, unha vez envasados ou transformados en queixos, iogures e manteiga acaban nas casas dos seus clientes.