Confitería Irma, creadores dunha tarta de améndoa única

blank

Teresa Canto, neta dos fundadores, é quen rexenta na actualidade a Confitería Irma xunto ao seu fillo José Manuel

Aló polo ano 1918 saíron do porto de Vigo en barco cara a Arxentina José Gutiérrez e Consuelo García. Son os iniciadores dunha tradición pasteleira que continuou a súa filla Irma, a súa neta Teresa e agora o seu bisneto José Manuel. A tarta de améndoa que eles comezaron a facer segue a ser hoxe o emblema desta pastelería familiar de Riotorto.

“Empezaron os meus avós no ano 1935 neste mesmo emprazamento. Foran emigrantes pero ao tocarlles esta casa en herdanza volveron. Ao principio era confitería e panadería”, conta Teresa Canto, que rexenta na actualidade o establecemento.

José Gutiérrez traballara nunha pastelería en Bos Aires e de volta a Galicia decidiu seguir na profesión xunto á súa muller

José traballara nunha pastelería en Bos Aires e, de volta a Galicia, decidiu seguir na profesión xunto á súa muller. Ese mesmo ano fundaron a Confitería Irma, o nome da súa única filla. Pero o estourido da Guerra Civil no ano 1936 obrigou a mudar os seus plans. “Os anos da posguerra foron moi duros e ao serlles asignada a elaboración do pan da tasa, dado pola cartilla de racionamento, tiveron que centrarse en facer pan”, explica Teresa.

Montaron primeiramente unha confitería asociada a unha panadería pero nos anos da postguerra tiveron que centrarse en facer pan para a cartilla de racionamento

Durante eses anos a adicación do matrimonio era case exclusivamente a da panadería, relegando a elaboración de doces, pero pasada a posguerra o negocio volveu encauzarse de novo cara a confitería, deixando totalmente a panadería e centrándose xa para sempre na pastelería.

Relevo e mellora da receita

blank

Teresa elabora as tartas seguindo a receita orixinal do seu avó, que mellorou despois a súa nai

A mediados dos anos cincuenta Irma Gutiérrez pasou a rexentar, coa axuda aínda dos seus pais, o establecemento que levaba o seu nome xunto ao seu marido Edelmiro Canto. Entre os dous conseguiron, a base de moito traballo e bo facer, darlle prestixio ao negocio grazas á elaboración artesá de grande variedade de doces, pero especialmente da tarta de Riotorto, que pasou a ser o produto estrela da confitería até a actualidade.

A nai de Teresa, Irma, quería algo diferente e ao final conseguiuno, pero botou meses até dar coa receita definitiva e mesmo tivo que tirar máis dunha tarta, lembra aínda hoxe

“A receita é orixinal dos meus avós pero modificada despois polos meus pais, que foron os continuadores do negocio até que o collín eu no ano 1996 ao xubilarse a miña nai”, relata Teresa. “Estudei Empresariais e nada máis acabar caseime e quedei coa confitería. Nunca me arrepentín”, afirma.

Produción artesá

blank

Empregan améndoa natural enteira, que eles mesmos cocen e trituran

Nos tempos da dixitalización e a robotización, as únicas máquinas que se poden ver hoxe no obrador desta confitería son unha trituradora para a améndoa, unha amasadora e o forno. O resto é manual. “É unha produción artesá, faise cada tarta de unha en unha, por separado. Non é fabricación en serie, non é un proceso industrial”, evidencia Teresa.

“Só teño unha trituradora, é a única maquinaria que uso. Ten máis de 70 anos e xa era de segunda man”

Tampouco hai aditivos nin conservantes, só ingredientes naturais. “Merco a améndoa natural enteira en sacos. Logo lávoa, cózoa e tritúroa eu. É un proceso de elaboración laborioso”, explica.

“Leva un 45% de améndoa e necesita unha coción lenta, bota 2 horas no forno”

O hoxaldre que serve de base á tarta é feito á man por Teresa, igual que o recheo de améndoa. É o ingrediente principal nunha porcentaxe de máis do 45%. O resto son ovos, azucre e fariña de trigo. Logo vai ao forno durante dúas horas e cando sae e arrefría, decórase.

De Riotorto a Australia

blankA tarta de améndoa segue a ser 85 anos despois o produto estrela da Confitería Irma. “É a especialidade da casa porque é un produto único”, destaca Teresa. Fan tamén outra tarta estilo Mondoñedo con améndoa, biscoito e cabelo de anxo de elaboración propia a partir das cabazas que eles mesmos cultivan que tamén ten moito éxito, así como outro tipo de pastelería por encarga, como brazos de xitano, milfollas ou primaveras.

Teresa e o seu fillo José Manuel, que lle axuda desde o ano pasado, distribúen a súa produción no ámbito local. “Vendemos en Riotorto e arredores, en Meira, A Pastoriza, A Pontenova e Muimenta, e levamos tamén a Lugo e á Coruña”, explican. Pero aquela receita orixinal chegada da emigración ten viaxado tamén desde Riotorto a outros continentes da man dos propios emigrantes deste concello de 1.000 veciños. “As nosas tartas teñen chegado a Australia, Estados Unidos ou Venezuela. Persoas de Riotorto que están fóra levábanas cando viñan”, conta.

“Non é un proceso industrial nin se fabrican en serie, fago as tartas unha a unha”

Aínda que xa pasaron moitos anos desde que se comezou a facer, a tarta de Riotorto mantén o seu sabor porque segue a facerse igual ca sempre, unha elaboración artesá e natural que é a base para o recoñecemento do que é obxecto este produto e que Teresa agarda que manteña o seu fillo José Manuel. “Ten 24 anos e eu espero que siga el cando eu me xubile”, di.