DoSouto, conservas de castañas e froitas de tempada

Milagros, diante do seu obrador, con algúns dos produtos que elabora

Milagros, diante do seu obrador, con algúns dos produtos que elabora

O pequeno núcleo de casas de Vilar de Aldixe, na parroquia de Vilaragunte, está rodeado de soutos. Pero como pasa en moitos lugares de Paradela e doutros concellos do interior de Galicia, non hai quen os traballe e acaban no abandono. É o que lles pasaba aos castiñeiros da familia de Milagros López Díaz. O seu irmán ten unha gandería de vacún de leite que foi medrando e non dá o tempo para atender tamén os castiñeiros.

“Na casa había moitos castiñeiros, pero ao ir ampliando o número de vacas da gandería, fóranse deixando de recoller as castañas”

Pero Milagros, que estudou enxeñería agrícola aínda que non exerce profesionalmente diso, propúxose recuperar aqueles soutos e poñelos de novo a producir. Esa decisión foi o punto de partida de DoSouto, un proxecto máis amplo que ademais de servir para recuperar a produción de castaña serviu tamén para recuperar o patrimonio rural agrario e apostar pola transformación.

Sala de elaboración, onde a materia prima é seleccionada e procesada para facer as conservas

Sala de elaboración, onde a materia prima é seleccionada e procesada para facer as conservas

Empezou recuperando os soutos pero como unha cousa sempre leva a outra, pensou nun xeito de aportar valor engadido a aquela materia prima, así que acabou recuperando tamén unha vella palleira ao lado da casa e acondicionándoa para montar nela un obrador onde poder elaborar conservas. “A miña idea inicial era recuperar os soutos e o primeiro ano limpeinos, apañei a castaña e vendina, pero logo dixen hai que darlle máis valor”, lembra.

Transformou unha vella palleira en obrador de conservas e marmeladas, tanto de castaña como doutros froitos

No 2014, un par de anos despois de empezar a recuperación dos soutos, comezou a transformar as castañas en tres produtos elaborados a partir delas: crema de castañas, crema de castañas con chocolate e castañas en almíbar.

Froitas de tempada producidas na zona

Gama de produtos DoSouto, que inclúe derivados de castaña e marmeladas de froitas

Gama de produtos DoSouto, que inclúe derivados de castaña e marmeladas de froitas

A gama inicial a base de castañas foise ampliando pouco a pouco a outros froitos producidos na zona. “A castaña é un produto moi específico que, ou gusta ou non gusta. Así que pensei en aproveitar as instalacións que xa tiña e transformar tamén nelas froitas que puidera recoller directamente eu ou ben mercar a produtores desta zona”, explica.

“A miña idea inicial era recuperar os soutos pero logo dixen hai que darlle máis valor á castaña”

Comezou mesturando castaña con mazá, unha confitura que fai máis suave o sabor da castaña. Tamén é de colleita propia a cabaza, que cultiva ela mesma para facer despois tamén marmelada. Kiwi, cereixa, laranxa, arandos, framboesa ou moras son outros dos sabores dispoñibles.

Sen espesantes nin conservantes

 

blank

En todos os casos os produtos DoSouto son feitos con froita de tempada, recollida no momento óptimo de maduración. “Eu elaboro en tempada, non conxelo a froita. A nosa marmelada de mora faise só no tempo da mora, a da cereixa igual e así todas”, conta Milagros.

A froita é a base principal, á que non se engade conservante químico ningún. “É só froita, azucre ecolóxico e zume de limón”, destaca. A manipulación da froita tamén se reduce ao mínimo. A única maquinaria da que dispón DoSouto no seu obradoiro é unha marmita que fai ao mesmo tempo as funcións de autoclave.

“Non conxelo a froita, a marmelada de mora faise só no tempo das moras e a da cereixa no das cereixas”

O resto do proceso é todo artesán. “Merquei 3 ou 4 modelos para sacar o óso ás cereixas pero o único que me funciona é o sistema manual. Pero para iso fan falta horas e gañas de traballar”, di. A cantidade de azucre é mínima porque a froita vai madura e xa aporta os seus azucres naturais. Tampouco usa aditivos. “A marmelada espesa só a base de coción”, indica.

Unha “romántica” do rural

blank

A palleira recuperada como sala de elaboración dos produtos

Milagros declárase “romántica do rural, o silencio e a tranquilidade”. “Estiven fóra estudando pero dinme conta de que onde mellor me atopaba era nos sitios pequenos”, recoñece. Valora a liberdade que lle dá o feito de poder “traballar ao teu ritmo” (“recollo eu a froita, cozo e envaso”, destaca) e está convencida do potencial que hai en Galicia para iniciativas como a súa, que son un xeito de diversificar o sector primario e atopar un futuro para a xente moza máis aló da gandería de vacún de leite ou de carne.

“No 2013 comecei a darlle voltas á idea e a finais do 2014 comecei a producir”

Ela soubo ver esas posibilidades. “O gusto pola cociña e as conservas venme de pequena. Xa era eu a que facía a salsa de tomate na casa cando sobraba produción na horta. Xuntei esa afección coa idea romántica de recuperar os soutos da casa”, di.

“De pequena xa era eu a que facía a salsa de tomate na casa cando sobraban na horta”

Para facer o obrador, quixo conservar tamén a palleira tal como fora construída polos seus antepasados, mantendo a pedra e a madeira como materiais principais, aínda que Sanidade obrigouna a tapar a pedra na zona de elaboración.

IXP Castaña de Galicia

Un dos soutos con castiñeiros centenarios onde Milagros apaña a materia prima para os seus preparados

Un dos soutos con castiñeiros centenarios onde Milagros apaña a materia prima para os seus preparados

Os soutos nos que Milagros recolle a castaña para os seus preparados están certificados dentro da IXP Castaña de Galicia, o que garante a procedencia e o cumprimento de determinados parámetros de calidade, como calibre, porcentaxe de hidratos de carbono e humidade da materia prima que emprega. O resultado é tamén que cada bote resultante vai etiquetado cun número de serie único.

“A avispiña está a provocar unha redución da produción do 40 ou 50%”

Tras conseguir sacar do abandono e o esquecemento os castiñeiros da familia e poñelos a producir, esta rapaza estase a atopar nos últimos anos cun grave problema que impide obter deles todo o rendemento. “Aquí está a afectar moito a avispiña, houbo castiñeiros que me secaron e o ano pasado recollín só 1.000 quilos, cando antes pasaba dos 2.000. Está habendo unha redución da produción do 40 ou 50%”, asegura.

blank

Milagros vende en feiras de alimentación e artesanía, tendas de produtos gourmet e delicatessen e tamén pola internet. Tanto as elaboracións con castaña como as marmeladas teñen múltiples aplicacións. Por exemplo, “a crema de castaña combina moi ben con queixo do Cebreiro”, di.

“A crema de castaña combina moi ben con queixo do Cebreiro”

Prepara encargos á carta para poder usar a modo de agasallos en celebracións e tamén cestas personalizadas. Ao contar cunha gama ampla de sabores hai para todos os gustos ou, como ela prefire dicir, “para gustos, mermeladas”.