Erica Mel, a cooperativa das apicultoras e apicultores galegos desde 1990

blank

Seis persoas traballan na cooperativa, que envasa uns 100.000 quilos de mel por campaña

Erica Mel leva tres décadas axudando a dar saída á produción apícola dos abelleiros e abelleiras de Galicia e converteuse neste tempo nunha peza fundamental tanto para a venda directa do mel galego como para a súa comercialización a través doutras canles.

A cooperativa naceu no ano 1990 pola iniciativa dun pequeno grupo de apicultores integrados na Asociación Galega de Apicultura (AGA) que, convencidos da extraordinaria calidade dos seus produtos apícolas, buscaron xuntos a mellor vía para facelos chegar ao consumidor. Neses comezos a aportación dos coñecementos e o esforzo persoal dos socios foi determinante para o éxito do proxecto.

Con sede e instalacións de envasado en Arzúa, está integrada por máis de 250 socios e socias de toda Galicia e dá traballo a 6 persoas

A capacidade ilusionante daquela iniciativa colectiva, o traballo e a constancia desembocan hoxe nunha cooperativa integrada por máis de 250 socios que dá emprego a seis persoas e vende os seus produtos desde o ámbito autonómico ao internacional.

600 metros cadrados adicados a envasado, formación e museo

blank

De todas as socias e socios de Erica Mel, na actualidade máis dun cento de apicultoras e apicultores comercializan cada ano uns 100.000 quilos de mel, que saen ao mercado envasados como mel multifloral e monofloral e que se distribúen en todo o mundo.

A sede da cooperativa, xunto coa da Asociación Galega de Apicultura, está en Arzúa, no Centro do Queixo e do Mel. Nestas instalacións, que ocupan unha superficie de 600 metros cadrados, ademais da planta de envasado, hai unha tenda cunha ampla oferta de produtos apícolas, un espazo museográfico e unha aula de formación, que se converte no punto de encontro e de referencia tanto para a formación coma para a innovación apícola, posto que ao longo do ano se desenvolven aquí distintos actos divulgativos, xornadas formativas e xuntanzas.

A través de Erica Mel un cento de apicultores venden os seus produtos, chegando con eles desde o ámbito autonómico ao internacional

A nivel autonómico, a maiores do concurso anual para envasadores, organizado pola Consellería do Medio Rural e a IXP Mel de Galicia, a Asociación Galega de Apicultura organiza outro para produtores, que busca os Meles 5 Estrelas como unha maneira de prestixiar os meles galegos.

IXP Mel de Galicia

Erica Mel envasa unha marca propia coa contraetiqueta da IXP Mel de Galicia. Esta Indicación Xeográfica Protexida é unha marca de calidade e orixe a nivel europeo que diferencia os meles producidos na comunidade doutros importados e de menor calidade que, valéndose dunha etiquetaxe confusa, se poden atopar no mercado.

Alén diso, Erica Mel tamén lles dá o servizo de etiquetaxe a persoas asociadas a AGA coa marca colectiva Das miñas abellas, para o seu uso consonte a normativa de produción primaria. O proceso nas instalacións da cooperativa en Arzúa pasa por distintos estadíos: control de calidade, trazabilidade, clasificación, envasado e etiquetado. O departamento de calidade realiza a toma de mostras para a analítica do produto chegado á cooperativa desde os distintos produtores para deste xeito garantir e certificar a súa calidade e trazabilidade.

Produtores de toda Galicia integrados en AGA etiquetan e comercializan o seu mel baixo a marca colectiva ‘Das miñas abellas’

En Europa impórtase máis do 50% do mel consumido, sendo meles de baixo prezo que provéñen de países afastados como China, Turquía ou Suramérica. Son meles industriais sometidos a altas temperaturas no seu envasado para que se manteñan en estado líquido, o que provoca a perda das súas propiedades biolóxicas e terapéuticas. A súa calidade é moi inferior á do mel galego, pero resulta difícil de identificar para os consumidores debido a unha etiquetaxe pouco clara a nivel da Unión Europea.

Tantos meles como flores

Cada mel é particular, e hainos para todos os gustos, mesmo para os que non gustan de lambetadas doces. Dentro de Galicia existen meles con características moi diferenciadas en cores, aromas e sabores. En función da súa tipoloxía, o mel é clasificado como monofloral ou multifloral para o seu envasado e comercialización.

Non existe un único mel, senón tantos como plantas hai e como combinacións posibles poden confluír entre elas. É unha gama infinita de cores, aromas e sabores

Os meles multiflorais representan a tradición apícola de Galicia e son tan numerosos e diversos como posibilidades de combinacións florísticas hai, pois cada comarca, cada val, cada paisaxe ofrece o seu propio mel. É un mel doce con notas salgadas, amargas ou acedas, dependendo das floracións máis abundantes na contorna das abellas, pois trátase dunha mestura de meles con variada orixe floral: castiñeiro, eucalipto, silva, queiroga e outras flores de monte.

A produción de mel monofloral resulta posible cando hai unha especie botánica predominante e dabondo presente na contorna do apiario. Dentro da IXP Mel de Galicia están recoñecidos cinco variedades monoflorais: castiñeiro, queiroga, eucalipto, silva e melato de carballo. O valor do mel monofloral é superior debido á unicidade das súas características, da súa composición e a miúdo tamén da súa rareza. Producir e envasar meles monoflorais, melatos, meles de paisaxe (parques naturais, reservas da bioesfera) ou meles de produción ecolóxica son unha demanda que buscan cada vez máis consumidores.

O nome da cooperativa é un recoñecemento á erica (queiroga), a planta melífera galega por excelencia

O nome da cooperativa é un recoñecemento á erica (queiroga), a planta melífera galega por excelencia. Está moi extendida polos montes da comunidade e, desde tempos inmemoriais, é a fonte máis xenerosa dos meles escuros de Galicia, que tanta sona alcanzan alén das súas fronteiras. A súas cores características, que van desde o branco da variedade arbórea até o violeta da cinérea, enchen de viveza as zonas silvestres onde florecen.

Produtos para a saúde

blank

A I+D+i aplicada á apicultura permite obter, ademais de mel, outros produtos e derivados, como o mel crema, o pole, o propóleo ou a xalea real, así como aplicacións en bebidas, cosmética e apiterapia, que son posibilidades que dan máis valor aos produtos das abellas.

Ademais de distintos tipos de mel, Erica Mel tamén elabora e comercializa toda unha liña de produtos I+D (mel crema, pole e derivados) con boa demanda por aquelas persoas e consumidores que confían nas propiedades terapéuticas dos produtos das abellas.

Neste ano de pandemia a sociedade volveu valorar os produtos sans e naturais producidos polas abellas a partir das flores de plantas silvestres que abundan por toda Galicia

De feito, durante os primeiros meses de confinamento houbo un aumento da demanda de mel e outros derivados apícolas, que os produtores galegos souberon atender para o disfrute daquelas persoas que coidan a súa alimentación e a súa saúde. En todas as culturas atribúenselle ao mel valores simbólicos e terapéuticos, constatados na actualidade pola ciencia.

Propiedades

O mel, grazas ás súas características, é un alimento natural sen manipulación nin emprego de aditivos que favorece a boa saúde. En todos os casos, o consumo de mel no fogar en vez de azucre é o máis recomendable. O mel fai a nosa alimentación máis equilibrada e sa. É un alimento enerxético que fornece ao organismo de calorías rapidamente asimilables, útiles para a práctica física e para o traballo intelectual. É moi adecuado para persoas maiores, débiles ou enfermas.

O consumo habitual de mel mellora moito o valor dietético da nosa alimentación ao substituírmos en todos os casos o azucre polo mel, alén das súas propiedades antibacterianas e antioxidantes

O mel está dotado de propiedades emolientes e adozantes, moderadamente laxativas e antitusivas. Presenta unha actividade antibacteriana, útil no caso de enfermidades debidas a arrefiados e gripes, así como para irritacións de gorxa, e máis para usos externos en queimaduras, chagas e feridas.

A actividade bacteriostática vén dun encima do mel que orixina auga osixenada e que inhibe o crecemento de bacterias, mentres que a súa actividade antioxidante vén marcada pola porcentaxe de própole que haxa no mel (a própole multiplica por 40 ou 50 o valor antioxidante do mel).