Mel Liñares, produción en Rede Natura na comarca do Deza

blank

“Os meus bisavós, os meus avós e os meus pais tiñan abellas. Eu empecei con 2 colmeas e ata agora, que traballo 600”. David explica con naturalidade o seu longo camiño no mundo da apicultura. Ese camiño levouno a montar fai 10 anos en Gresande, unha parroquia de Lalín con só 200 veciños, unha envasadora para dar saída á súa produción de mel, que modernizou e adaptou o ano pasado.

Desde un principio vendíao a granel para Alemaña e Francia “pero pagábancho moi pouco”, recoñece. Por iso decidiu cambiar de estratexia e substituír a exportación pola venda directa. “Agora envaso e distribúo o meu propio mel”, explica. Ademais dos seus meles monoflorais e multiflorais, David elabora mel con froitos secos e mel con pole, tamén comercializa envasado pole de castiñeiro e vende tamén por encarga tacos de cera pura para elaborados e cosmética.

Comercializa os seus produtos en tendas e en feiras, que o pasado ano se viron moi prexudicadas por mor da pandemia do coronavirus. “Só puiden ir á Feira do Mel de Moaña”, lembra David, donde levou o premio ao mellor mel.

Minifundio de produtores

En Galicia en xeral a calidade do mel é moi boa pero iso non garante a viabilidade da actividade, asegura. “Nós aquí temos un minifundio de produtores, moitos productores e pouca produción. Eu penso que o idóneo sería crear marcas por zonas entre varios, porque coa produción individual que temos só podemos acceder a pequenas tendas e á comercialización local, pero non temos volume dabondo para entrar en ningún supermercado nin vender fóra”, argumenta.

“Eu penso que o idóneo sería crear marcas por zonas entre varios, porque coa produción individual que temos só podemos acceder a pequenas tendas”

Estas dificultades de comercialización obrigan á maioría de produtores a ter que vender unha parte da súa colleita a granel a prezos moito máis baixos. “Eu penso que se ti fas o cómputo do que fuche capaz de defender ben coa túa marca e o que vendiche mal a granel non che compensa, sería moito mellor en vez de ter unha marca individual ter unha colectiva que che permitira vender toda a produción”, defende.

Cría de raíñas

Mel Liñares conta neste momento con 15 colmeares en Rede Natura, que dedica a produción de mel. A maiores ten os que dedica a cría de raíñas e fecundación de núcleos, que é no que están especializados. “A min o que me gusta realmente son as abellas, preocúpame o insecto en si”, recoñece David.

Malia ter diversificado nos últimos anos cara a produción de mel, seguen mantendo os clientes particulares e profesionais de Asturias, León, Cantabria ou Toledo que lles fan encargos de núcleos cada campaña, polo que é frecuente ver moitas raíñas xuntas na súa incubadora.

“Nós para facer os núcleos non dividimos as colmeas, senón que criamos novas raíñas, e iso ten moitas vantaxes”

Por iso, para David o comezo da primavera é un dos momentos de máis traballo do ano, máis alá da propia época da esmelga. “Fágoo todo eu só, agás para sacar o mel, que me botan unha man”. No 2020 David e a súa parella, Laura, foron pais, e o traballo multiplicouse.

Traslado dos núcleos á costa

Para facer os núcleos que comercializa, David non divide colmeas, senón que cría novas raíñas, algo que, ao seu xuízo, “ten moitas vantaxes”, di. A principal é que os novos enxamios levan unha raíña nova, moito máis efectiva na posta e, ademais, deste xeito non se debilitan as colmeas. “Ao dividir debilitas. Aquí traballamos ao revés que en moitos países europeos onde na primeira floración dividen as colmenas para evitar enxamías e renovar as raíñas e xa na segunda floración volver xuntalas, xa con raíñas novas con alta carga de feromonas e cunha poboación moito máis elevada de abellas, idónea para colleitar mel”, conta.

“En moitos países europeos dividen as colmenas na primeira floración para evitar enxamías e renovar as raíñas e na segunda floración volven xuntalas, xa con raíñas novas con alta carga de feromonas e cunha poboación moito máis elevada de abellas, idónea para colleitar mel”

Mel Liñares ten colmeares específicos para a cría, separados dos que adica á produción de mel. “Os de cría están máis preto para poder controlalos máis a miúdo. Levo control de nais e teño colmeares para fecundación, porque realmente antes de criar raíñas tes que criar machos 55 días antes para que logo estean maduros para fecundar a esas raíñas”, explica.

“Fixen cursos de formación pero tamén son autodidacta e desenvolvín o meu propio método adaptado ao meu xeito de traballar e sobre todo á zona na que me atopo”

Outra das claves do manexo que Mel Liñares fai é mover núcleos á zona de costa para que pasen a invernada de forma máis suave e, de paso, aproveiten a floración do eucalipto. “Logo volvo traelas para a floración do castiñeiro, pero deste xeito gaño mes e medio, que nisto é moito tempo tendo en conta que a campaña dura só cinco meses”, detalla.

Selección xenética

David leva 8 ou 9 anos seleccionando xeneticamente as raíñas das que logo cría. “É un labor de tempo. Eu traballo coa raza de abella que tiñamos aquí pero téñoas moi escollidas xeneticamente e téñoas en lugares moi controlados. Inflúe tamén moito o tema dos machos, é tan importante como a cría de raíñas, porque o macho apórtanlle moitos caracteres”, di.

“Os machos son tan importantes como as raíñas porque lles aportan ás crías moitos caracteres”

Outra das estratexias que segue é a de reemprazar a miúdo as raíñas das distintas colmeas. “Non hai ningunha raíña nun colmear meu que teña máis de dous anos, basicamente polo tema das feromonas. As miñas son todas raíñas novas con carga alta de feromonas que son capaces de controlar unha poboación de 50 ou 60.000 abellas. Unha raíña vella ten pouca carga de feromonas e non é capaz de controlar nin 20.000 abellas, entón xusto antes, ou incluso na floración, que é cando máis abellas hai na colmea, márchanlle a metade. Esa é unha das maneiras de ter controladas as colmeas para que non enxameen”, asegura.

“Unha raíña nova con carga alta de feromonas é capaz de controlar unha poboación de 50.000 abellas, o dobre ca unha vella. Renovar as raíñas é a maneira de ter controladas as colmeas para que non enxameen”

Consciente da importancia da raíña en aspectos como a produción ou estado sanitario das colmeas, David dismitifica sen embargo o seu papel dentro do enxamio: “a raíña ao final é unha escrava da colmea, que nace poñendo ovos e morre poñendo ovos”, argumenta.

Produción variable polo clima

David é un entusiasta do seu traballo e gusta de transmitilo e dalo a coñecer, impartindo cursos para formar apicultores e asesorar tanto a profesionais como a persoas que deciden iniciarse na apicultura de xeito afeccionado. Tamén leva as súas abellas a campamentos de verán para que os cativos e cativas tomen conciencia da súa importancia como polinizadores. “Nunha rexión de China onde se extinguiron as abellas teñen que polinizar cun pincel”, explica. Conta asimesmo cun colmear preparado para facer visitas guiadas sen baixarse do coche. “A parte didáctica da apicultura é moi chula, aínda que che roube tempo”, di.

“Neste momento en Galicia a produción é moi inestable, pode haber variacións do 50% dun ano con respecto a outro”

David tamén se encarga, desde fai 4 anos, de coordinar e asesorar na campaña de trampeo contra a vespa velutina no concello de Lalín. “Facemos charlas informativas polas 52 parroquias para explicarlle á xente os problemas que xera a velutina, as consecuencias que ten e como loitar contra ela. O primeiro ano fixera 26 charlas sen cobrar nada. Coincidíanme ademais na época de máis traballo pero todos os días dedicaba tres horas a concienciar aos veciños e explicarlles como loitar contra a velutina e como elaborar trampas caseiras”, lembra.

David adícase tamén ao asesoramento e formación, impartindo cursos para apicultores ou xente que se queira iniciar na apicultura, con prácticas nos seus colmeares de formación

“Non é un problema dos apicultores, é un problema de todos”, opina, porque “no Deza o 25 de xullo acaban as floracións principais, así que en agosto, que é cando máis ataca a velutina, as abellas dedícanse a selar o mel xa colleitado dos cadros, non tanto a colleitar mel, polo que os efectos neste sentido sobre a produción son limitados. Pero en agosto por exemplo as abellas van á floración do millo e do xirasol e pola presión da velutina non saen da colmea, entón deixan de ir, por conseguinte as colleitas destes outros produtos van ser menores”, razoa.

“En zonas de Ourense están agora na mesma tesitura que estabamos nós fai 2 anos ou na costa fai 4 anos, pensando que a velutina non lles vai chegar”

Por iso non comprende como “hai xente que minimiza o problema e non toma en serio a ameaza que supón”. “Moita xente pensaba que aquí non ía chegar e chegou. En zonas de Ourense están agora na mesma tesitura que estabamos nós fai 2 anos ou na costa fai 4 anos”, asegura.

70% menos de niños de velutina no 2020

A campaña de trampeo primaveral do 2020 rematou no municipio de Lalín con 400 trampas colocadas. Esta captura de raíñas antes da creación dos seus niños primarios, sumado ao tempo menos proclive, fixo que o ano que acaba de rematar se retirasen un 70% menos de niños de velutina. “Notouse o trampeo e tamén o clima, os dous factores influíron”, recoñece David.

Os cambios no clima tamén é algo que afecta ás abellas e á súa produción de mel. Mel Liñares obtivo este ano unha colleita un 50% menor á do ano pasado. “Neste momento en Galicia a produción de mel é moi inestable polo clima”, considera David.

“Eu se dera vivido con 400 colmeas non tería 600, o meu lema non é medrar para decir que teño moitas colmeas senón ao contrario, que dou vivido dignamente con poucas”

Pero os anos de escasa colleita non garantizan nos graneis nin sequera bos prezos. “A cotización non depende só da produción que hai aquí, a de mel é unha produción global. En España hai cooperativas de mel que debido aos prezos baixos aguantan o mel e acumulan moito stock e cando o poñen no mercado por envellecemento do produto cae moito o prezo, por non falar de mel que entra por debaixo dos prezos de coste desde China, Suramérica e Centroamérica, ti como compites contra iso?”, pregunta.

Esa inestabilidade de produción e prezo é o que obriga aos apicultores coma David a ir subindo o número de colmeas. “Eu se dera vivido con 400 non tería 600, o meu lema non é medrar para decir que teño moitas colmenas senón o contrario, demostrar que dou vivido dignamente con poucas”, asegura.