Mel Vituco, a aposta por emprender no Xistral

blank

Javier e máis Raquel, co mel que elaboran xunto ás súas abellas no concello de Muras

O entorno de Rebordelos é senlleiro e forma parte da Rede Natura 2000, que recoñece e protexe este ecosistema de turbeiras de cobertor único en Europa Occidental. É o lugar onde traballan as abellas de Javier e Raquel, dous irmáns que decidiron hai 9 anos comezar a producir mel neste lugar da Serra do Xistral. Un emprazamento apícola situado nun entorno protexido e con floracións orixinais, unha produción sostible respectuosa coa natureza e un produto de elaboración artesá. Ese podería ser o resumo do proxecto de Mel Vituco.

A produción de mel para autoconsumo foi, de sempre, unha actividade tradicional en Muras. A chegada da velutina á zona de costa das comarcas da Mariña e Ortegal aumentou a demanda de fincas por parte de apicultores doutros lugares para trasladar as súas colmeas a esta zona de montaña, unha paraxe virxe e a salvo da vespa asiática. “Había xente que quería alugar fincas e pensamos… por que non o intentamos nós?”, lembra Javier.

Empezaron cun apiario de 4 colmeas y hoxe na súa alvariza cóntanse xa por ducias

Dito e feito. Comezaron con catro colmeas no 2012 e co pensamento de “a ver como nos vai” e case unha década despois suman máis de medio cento de colmeas. “Aínda que nós como productores de mel non tiñamos experiencia, os nosos devanceiros si, concretamente a nosa bisavoa paterna e o noso avó materno tiñan trobos para autoconsumo; quizais por iso nos entrou a curiosidade y a morriña das abellas”, razoa Raquel.

Calidade e diferenciación

blank

Case unha década despois Javier e Raquel traballan coa mesma ilusión coa que empezaron. Representan esa nova xeración de apicultores que está a xurdir nos últimos anos en Muras, sabia nova para continuar a tradición dos produtores máis veteráns, con miras cara a profesionalización do oficio, algo que está a permitir tamén a mellora e diferenciación do produto.

Elaboran un mel multifloral de montaña e dous meles monoflorais, un de silva e outro de breixo

Demóstrano ano a ano as analíticas e as catas que teñen lugar dentro da Feira do Mel de Muras. A última edición tivo que suspenderse por mor da covid, pero mantívose a cata, porque as abellas, igual que Javier e Raquel, seguiron traballando para ofrecer o remedio natural que para catarros e gripes sempre foi o mel.

Emprazamento apícola en plena natureza

blank

Mel Vituco, a marca coa que comercializan, e a alvariza da que se nutre, persegue varios obxectivos, pero o máis significativo para eles é levar a cabo unha actividade sostible e compatible co entorno natural. “Apostamos por seguir medrando, pero sempre desde o respecto á natureza e conservando o ecosistema e entorno senlleiro no que nos encontramos, medrando todo o que poidamos no número de colmeas dentro da alvariza, diversificando a produción do apiario con outros produtos ademais de mel, como por exemplo pole, e pensar na elaboración de produtos derivados do mel”, avanza Raquel.

“Nacemos froito dunha ilusión e das ganas de poñer en valor e recuperar un espacio único que se encontra en plena Serra do Xistral”

Pretenden contribuir coas súas abellas a cumprir cun dos obxectivos fundamentais do Plan Director da Rede Natura 2000, é dicir, conservar un ecosistema sostible preservando a biodiversidade global no seu estado máis puro.

Mel de montaña

blank

O colmear atópase en plena Serra do Xistral, onde no inverno son frecuentes as nevaradas

“O noso apiario encádrase en plena montaña. Neste monte de manto baixo brotan plantas como a queiroga, praderías de trevo e silveirais silvestres entre outras especies, das que extraen o pole as nosas abellas”, explica Raquel. Froito desa floración particular que emerxe do entorno natural de montaña na que se localiza a alvariza xorde un mel único, diferente e singular tanto en color, textura como en sabor.

En base a composición do pole e do néctar das flores que as abellas chuchan para facer o mel, Vituco elabora un mel multifloral de montaña e dous meles monoflorais, un de silva e outro de breixo.

“Estamos nunha zona de monte de manto baixo na que medran especies como a queiroga, a silva silvestre, pradeiras de trevo y xa en menor proporción o sabugueiro, das que toman a floración necesaria as nosas abellas”

“É unha zona na que encontramos diferentes e complexos ecosistemas, como por exemplo turbeiras de cobertor únicas en Europa Occidental que acollen especies endémicas en perigo de extinción e de gran valor ambiental, polo tanto, o noso mel faise a partir dunha floración orixinal que non se dá noutros lugares”, destacan.

Produción sostible e artesá

blank

“A nosa actividade apícola é respectuosa co entorno e axudamos á conservación dos recursos naturais sobre os que se sustenta o apiario, cinguíndose a nosa actividade ao cumprimento do Plan Director da Rede Natura 2000 aprobado pola Xunta e que desenvolve a Directiva comunitaria 92/43 da CEE sobre espazos naturais a nivel europeo”, destacan.

“O noso obxectivo é facer que a nosa actividade apícola sexa sostible e compatible co entorno natural senlleiro no que nos atopamos”

Tendo en conta o entorno e a floración na que convive a alvariza só cabe afirmar con rotundidade que a producción das abellas de Javier e Raquel é totalmente natural e sostible co entorno e, como non podía ser doutra maneira, a posterior elaboración do producto segue os mesmos criterios. “A extracción e envasado facémolos de forma artesá non introducindo ningún procesado industrial”, insiste Raquel.

“O noso mel non é sometido a ningún tipo de procesado industrial, senón producido de xeito totalmente artesán”

Moitas veces a demanda é máis que a cantidade de mel que as súas abellas foron capaces de producir no ano. Gustaríalles ter máis colmeas, pero non o ven de todo viable. “Ampliar é difícil polo tempo, hai que atendelas e nós temos tamén gandería e negocio”, contan.

Venda directa

blank

Praza da Feira do Viveiró, onde se atopa o Papicán Casa Vituco

O futuro de Mel Vituco pasa por ampliar o número de colmeas e por diversificar os produtos que elaboran. Fan sobre todo venda directa do mel no seu local de hostalaría, Papicán Casa Vituco, unha casa de comidas tradicional do Viveiró.

O establecemento, que herdaron de Nélida, a súa nai, funciona a diario como cafetería, pero nas fins de semana tamén serven comidas. É ao restaurante familiar a onde vai parar boa parte do mel que producen.

Teñen un local de hostalaría familiar onde dan saída á maior parte da produción de mel

Casa Vituco comezou a súa actividade en 1974. A nai de Javier e Raquel mercou a casa, un local no que xa había negocio, e montaron unha taberna con ultramarinos. No 2016 someteron o establecemento a unha importante reforma e con eses aires renovados o local mira con optimismo ao futuro.

A tradición das feiras en Muras

blank

A familia de Javier e Raquel ten tamén unha explotación de gando vacún de carne.

No Viveiró é tamén onde se fai a Feira do Mel de Montaña recuperada nos últimos anos polo Concello de Muras. Pero a tradición dos mercados de gando neste lugar vén de antes, xa que O Viveiró era coñecido antigamente en toda a comarca polas súas feiras e ese foi un dos motivos polos que chegou a haber até 9 tabernas no lugar.

O Viveiró era coñecido en toda a comarca polas súas feiras de gando e chegou a haber 9 tabernas

De feito, hoxe aínda quedan dous establecementos, Casa Vituco e Casa Cándida, e o seu emprazamento segue a chamarse Praza Campo da Feira. E aínda que as feiras foron a menos, o gando, tanto bovino como cabalar, segue a ser unha das actividades principais en Muras, unha actividade tradicional e sustentable que axuda a conservar a paisaxe e o medioambiente. O mesmo ecosistema do que tamén forman parte as abellas.

Elaboración de produtos derivados

blank

Javier e Raquel, na cociña do restaurante, onde elaboran distintas receitas co seu mel

O mel é un alimento saudable en si mesmo, pero é tamén un ingrediente versátil. Por iso, Javier e Raquel, non quixeron quedar na simple venda de mel, senón que idearon distintos produtos a partir da materia prima de calidade das súas abellas, asociando cada tipo de mel a un produto distinto, escollendo o que mellor se adapta a ese produto final, tendo en conta as características organolépticas diferenciadas do mel de queiruga ou o de silveira.

“Os usos que lle damos ao noso mel son múltiples e variados, desde bombóns a galletas ou aliños para ensaladas, pero tratamos de asociar cada tipo de mel ao produto que mellor se adapta”

“Pódense facer indistintamente con calquera dos tipos de mel, pero nós fixemos a elaboración dos distintos productos asociada a cada tipo de mel, así, por exemplo, o mel de Brezo destinámolo á elaboración de cremas con base de mel cuxo obxecto final vai a ser a elaboración de bombóns artesáns”, adiantan.

blank

Co mel de brezo fan uns bombóns artesáns e co de silva, galletas.

Co mel de silva fan galletas de mel. “Elíxese este tipo de mel porque das tres variedades é o máis doce pola contribución do froito da silveira, a amora”, detalla Raquel. Finalmente, o mel multifloral é empregado na elaboración dun aliño para unha ensalada fria de xarda que serven no restaurante.

Os distintos produtos que Javier e Raquel fan levan o mesmo proceso que levou primeiro o mel: elaboración artesá e mimada, froito dunhas mans e unha forma de entender e respectar o entorno e o mediombiente no que se atopan as abellas.