Pingas de Gaia, o mel da serra da Carba

blank

O mel e o queixo casan ben e quizais por iso cando Cristina Román e Iván Díaz decidiron xuntar as súas vidas apostaron tamén por xuntar estes dous produtos: os queixos Don Gabino da D.O.P. San Simón da Costa e o mel das abellas que sempre houbo na casa de Iván en Goiriz.

En Augarrío, un lugar da parroquia de San Simón que se atopa xa moi preto do límite con Muras, Abadín e Xermade, está a queixería Don Gabino, que pertencía aos pais de Cristina. Neste emprazamento, aos pés da serra da Carba, é onde Iván ten unha parte das súas colmeas e por iso é tamén o nome que leva a asociación de apicultures que preside e da que forman parte uns 25 produtores de mel da zona.

Iván comezou na apicultura por tradición familiar. “O meu pai sempre tivo trobos pero na década dos 90, cando chegou a varroa, morreron e quedamos sen abellas. No 2000 un amigo ao que lle ía axudar que tiña colmeas deume un enxamio. Empecei así e hoxe teño unhas 150 colmeas”, conta.

“O futuro do rural está en diversificar as producións. Hai actividades complementarias que sen moito traballo che permiten ter uns ingresos estacionais”

Deste xeito, Cristina e Iván manteñen a queixería e máis a produción apícola, que comercializan coa marca Pingas de Gaia, pola querencia de Iván pola natureza. “Optamos por diversificar porque eu creo que o futuro do rural está en diversificar as producións. Hai cousas no rural que non che levan moito tempo pero que che dan uns ingresos complementarios estacionais. Por exemplo, sacar o mel no mes de setembro non che quita de apañar castañas no mes de outubro. E eu penso que a xente que se quere incorporar ou o fai así deste xeito ou ten que herdar unha explotacións grande xa montada, porque as subvencións para montar megaexplotacións desde cero están tocando á súa fin, hai que desenganarse niso”, razoa.

“Sacar o mel en setembro non che quita de apañar castañas en outubro. A xente que se quere incorporar ou o fai así ou vaino ter difícil, porque as subvencións para montar megaexplotacións están tocando á súa fin, hai que desenganarse niso”

Dentro do que é a produción apícola Iván tamén trata de diversificar, sacando distintos produtos, como pole, e mesmo distintos tipos de mel en función da flora predominante no entorno do emprazamento da colmea, cun mel mil flores máis claro en zonas de froiteiras ou silveiras e outro “de montaña”, máis escuro, con especies predominantes como o castiñeiro, o carballo ou a queiroga.

Este ano tiveron pouco mel (“non cheguei a 1.000 kg cando normalmente saco 2.000”, especifica Iván) e teñen practicamente máis demanda ca produción. Por iso non están en selos como o do Craega ou o da IXP Mel de Galicia. “Eu penso iso é máis unha cuestión comercial e nós iso co volume de mel que producimos a día de hoxe témolo resolto”, asegura.

blank

Prácticas ecolóxicas

Ademais de en San Simón, ten os colmeares repartidos en Vilapedre, Goiriz e no Viveiró, xa no veciño concello de Muras. “Non as teño certificadas pero o manexo e as prácticas son ecolóxicas: trato con Timol, non alimento, etc. Fágoo por principios e na asociación somos moi agroecoloxistas”, asegura.

“Fai 30 ou 40 anos eramos moito máis autosuficientes pero perdeuse iso. Cambiaron os cultivos, o xeito de producir e a maneira de relacionarse co rural. Agora todo se soluciona con herbicidas”

Serrra da Carba participa, por exemplo no movemento que pretende parar o uso do glifosato nas cunetas. “Fai 30 ou 40 anos eramos moito máis autosuficientes pero perdeuse iso. Cambiaron os cultivos, o xeito de producir e a maneira de relacionarse co rural. Agora todo se soluciona con herbicidas”, lamenta Iván.

Trampeo contra a velutina

Entre as actividades que desenvolve a asociación Serra da Carba está tamén desde fai 4 anos o trampeo contra a vespa velutina, nas dúas últimas campañas coa axuda do Concello de Vilalba. As 450 trampas colocadas en distintas parroquias do municipio o ano pasado en pleno confinamento pola pandemia sanitaria do coronavirus lograron capturar 7.000 raíñas e minimizar as consecuencias sobre as colmeas. Grazas a esta loita, na que se están a involucrar cada vez máis veciños, lograron reducir a incidencia da praga e mantela a raia, despois de que no ano 2018 foran retirados xa un total de 400 niños en todo o termo municipal.

Iván preside a asociación Serra da Carba, formada por 25 produtores da zona

O coronavirus obrigou tamén a modificar o desenvolvemento doutras iniciativas levadas a cabo pola asociación, como a cata de mel, que mudou de formato nesta segunda edición. “Non puidemos facer as xornadas apícolas pero mantivemos a cata coa modalidade de cata a domicilio. Os catadores serán tres socios que teñen abellas pero que este ano non recolleron mel. Eles reciben na casa as mostras do resto de produtores e puntúanas”, detalla Iván.

Entre os proxectos da asociación está tamén poder contar cunha feira do mel propia e poñer en marcha un apiario didáctico onde poder impartir cursos e probar de xeito experimental novas técnicas. Sen embargo, a actual situación sanitaria obrigou a adiar estas iniciativas.