Terras de Miranda, crear riqueza e emprego coa produción de horta

blank

Se houbese que poñerlle cara a iso de ser emprendedor levaría a deste mozo de Riotorto que con 28 anos e despois de diversas experiencias laborais en distintos sectores dentro e fóra de Galicia decidiu apostar polo que lle gustaba, por vivir da terra. “Empecei no 2012 con 28 anos porque me gustaba. No 2010 vendérase a explotación de leite que tiña a miña nai, dunhas 30 vacas. Viamos que con iso non iamos a ningún lado, non eramos competitivos nun escenario sen cuotas. Nunca tiveramos horta máis que para autoconsumo na casa, pero a min era o que me tiraba”, conta Javier Miranda.

Adícase ao que lle gusta e iso nótase e cando fala transmite a ilusión que pon en todo o que fai. A súa empresa ten menos de 10 anos, pero é un exemplo de profesionalización no sector da horta e non para de medrar, innovar e diversificar. Pero o que para Javier é máis importante, dá emprego fixo a 7 persoas durante todo o ano, un número de traballadores que se multiplica por tres nas campañas, nun concello pequeno como é Riotorto. Javier coida aos seus empregados igual que coida as súas plantacións. Ese é tamén parte do éxito da súa explotación: rodearse de xente preparada e profesional nas diferentes facetas.

“Tiñamos unha explotación de leite con 30 vacas pero viamos que con iso non iamos a ningunha parte porque non eramos competitivos”

Os comezos non foron doados. Colleuno de cheo o veto ruso á importación de produtos españois e a corentena da couza da pataca. Sen embargo, no canto de tirar a toalla, Javier sobrepúxose ás dificultades que unha tras outra lle ían chegando. “Ás veces dos problemas saen solucións, aprendes máis dun ano malo que de 5 bos”, di. Aínda se acorda do que lle dixo o seu pai, José, que procede dunha familia de 11 irmáns e leva traballando desde os 15 anos, a primeira vez que a Javier lle apareceu un contratempo no negocio. “A primeira vez que me deixaron tirado con 7 hectáreas de repolo plantadas díxome: como me gusta que empeces así, sabendo o que custan as cousas”, lembra.

Dous obstáculos iniciais: o veto ruso e a couza guatemalteca

blank

Unha das fincas que traballan en Riotorto, onde Javier comezou cultivando repolos no ano 2012

Con ese espírito de superación, Javier enfrontouse a aquel primeiro problema, no seu segundo ano de actividade. “O primeiro ano botara unha hectárea de repolos para un almacenista. Ao ano seguinte pedíronnos 7 hectáreas e botámolas, pero cadrou co veto ruso e non había saída para elas. Así que non nos levaron a produción. Quedou o repolo nas terras despois do gasto que fixeramos para plantalo. Así que para poder cubrir custos comezamos a movernos e buscar clientes tanto nesta zona da provincia de Lugo como en Asturias. De día recolliamos e de noite distribuiamos nunha furgoneta. Así libramos ese ano e co que sacamos puidemos afrontar a seguinte campaña”, conta.

“Ás veces dos problemas saen solucións, aprendes máis dun ano malo que de 5 bos”

Salvada esa colleita, Javier planificou xa o seguinte ano. Pero o seguinte contratempo chegou da man da couza guatemalteca. Javier decidira ampliar e diversificar a súa explotación coa produción de patacas cando no ano 2017, coa campaña de plantación a piques de comezar, colleuno de cheo a prohibición de plantar tubérculo decretada pola Xunta. Así que, coa semente xa mercada, de novo tivo que buscar unha solución, alugando terras en Sobrado dos Monxes para plantar alí as patacas e non abandonar aos seus clientes.

Diversificación de cultivos

blank

Nas fincas onde non puideron botar patacas por culpa da couza guatemalteca empezaron a poñer fabas

Pero Javier volve aplicar a máxima de que non hai mal que por ben non veña. “Coa prohibición da pataca metímonos coas fabas para darlle uso ás terras onde non podiamos botar patacas”, explica. Foi así como empezaron a botar as 26 hectáreas de faba verdina e 8 de faba branca que cultivan. A verdina recóllena primeiro e poñen nesas terras repolo para o inverno.  

Poñen tamén xudía, pepino, cabaciño, verza, acelga, coliflor, porro, berenxena ou pemento. Para estas plantacións deixan as fincas da zona de Riotorto, que son máis pequenas, pero tamén máis frescas. Nas parcelas que teñen alugadas en Castro de Rei ou en Pol botan as patacas, as fabas e as cebolas. “Son fincas máis grandes e máis rendibles á hora de traballar con maquinaria”, argumenta.

70 hectáreas de plantacións, todas ao aire libre

blank

Terra adicada á produción de faba verdina, que producen nas fincas máis grandes, ao igual que as patacas

A meirande parte da terra que traballa Hortícolas Javier Miranda é alugada e malia que compiten en zonas gandeiras onde hai importantes explotacións de leite, non teñen máis dificultade para ter superficie que o de ter que pagala a un prezo superior ao de outras zonas de Galicia. “Non temos problemas para ter terras porque nós coidamos moito as fincas (abonamos con esterco, sacámoslles as pedras) e a xente tamén ve iso”, di Javier. 

Cultivan todo ao aire libre e fan plantación todas as semanas para que as producións veñan repartidas. A planta sírvenllela desde Cantabria

En total manexa hoxe unha superficie de 52 hectáreas nos concellos de Riotorto, Castro de Rei (na zona de Pacio), Pol (en San Martín de Ferreiros) e A Pastoriza (na parroquia da Reigosa), aínda que ao facer máis dun cultivo por ano a superficie total traballada increméntase. “Se sumamos o dobre cultivo, chegamos ás 70 hectáreas de horta plantadas”, aclara.

Un millón de toneladas de pataca

blank

Un dos fortes de Hortícolas Javier Miranda é a pataca. Cultivan catro variedades distintas cunha produción dun millón de toneladas. A súa demanda aumenta ano a ano. É a consecuencia de apostar pola calidade. “Nós non usamos secantes para secar a rama da pataca. O 90% do tubérculo que hai no mercado ten secante, que fai que en 5 días poidas recollela e ademais engorda a pataca”, explica.

“O que pide o mercado é calidade e continuidade, é dicir, poder ofrecer o mesmo produto o máximo tempo posible, e para iso tes que ter superficie e produción dabonda”

Tamén recurren ao sistema tradicional de usar as patacas para renovar as terras e rotar os cultivos. “Queremos empregar o menos posible os herbicidas e para iso hai que rotar moito”, explica. Sempre fan dobre cultivo, ben con algunha produción de horta de inverno ou senón con algún cultivo pensado para empregar como abono verde na primavera. Logo de triturar eses cultivos, que axudan a fixar nitróxeno na terra, abonan con purín de explotacións da zona e encalan antes de facer a plantación de primavera. “Nunca deixamos as terras baleiras, porque son fincas en pendente e sen plantación a chuvia arrastra a terra para o fondo da leira”, explica Javier.

Visitan todas as fincas dúas veces por semana

blank

Unha das claves desta empresa de Riotorto é a vixilancia continua tanto das terras como dos cultivos, o que fai que poidan atallar antes as enfermidades tendo que usar menos tratamento. “Visitamos todas as fincas dúas veces á semana, ou vou eu ou vai o noso técnico, Juan, polo que calquera incidencia que detectamos podemos corrixila máis rápido. É coma cando tes un resfriado, se o tratas a tempo non tes que usar antibiótico, se te descoidas e empeora pode acabar en neumonía”, compara.

Realizan unha exhaustiva toma de datos de cada unha das fincas e cultivos para mellorar en eficiencia en campañas sucesivas

Contan cun programa específico para a recollida de datos de cada unha das fincas que traballan, que inclúe un caderno de campo de cando se fixo a sementeira e o resto de traballos até a recolección, a cantidade de semente, abonos e fitosanitarios utilizados e o volume de produción obtido. “Anotamos todos os custos e ingresos de xeito pormenorizado e individualizado para cada finca e cultivo para intentar mellorar en anos sucesivos no que fallamos”, explica.

“O sur de España non pode competir en frescura”

blank

“Aquí dase todo, temos un microclima”, destaca Javier das terras que traballa en Riotorto. Son terras que están a carón do río e que adican a cultivos verdes por seren máis frescas. “O sur da península non dá competido con nós en frescura. Eles apañan a moita máis temperatura e esa mercadoría ten que pasar por Mercamadrid, así que cando dá chegado aquí ao cliente leva varios días por aí dando voltas. A nosa produción apañámola máis fresca e chega moito máis fresca ao cliente”, asegura.

“Nesta zona non hai moita oscilación térmica, nin vai moita calor no verán nin as temperaturas baixan moito polas noites”, engade. Por iso Javier cultiva todo ao aire libre. “O que pide o mercado é calidade e continuidade, é dicir, poder ofrecer o mesmo produto o máximo tempo posible, e para iso tes que ter superficie e produción dabonda”, asegura.

Control dos tratamentos fitosanitarios

Poñen tamén o foco na redución do número de tratamentos e para iso a clave é adiantarse na detección para aplicar menos doses. “A xente pensa que comer unha leituga é comer san, pero non mira a etiqueta do que leva esa leituga”, argumenta. “Nós estamos entre convencional e ecolóxico. Abonamos con esterco e usamos herbicidas e insecticidas de residuo cero. Queremos ter unha horta tradicional pero en gran superficie, é dicir, facer o que se fixo sempre, pero mecanizados”, asegura.

Un dos condicionantes fundamentais á hora de tomar decisións no sector da horta é a meteoroloxía e no caso desta explotación dispoñen de datos moi precisos. “Meteogalicia involucrouse, solicitámola a través do Concello e puxéronnos en Roitorto unha estación meteorolóxica de última xeración que nos aporta un montón de datos interesantes que usa o noso técnico”, indica.

“Estamos a medio camiño entre convencional e ecolóxico, nós queremos ter unha horta tradicional, pero en gran superficie, é dicir, facer o que se fixo sempre, pero mecanizados”

“As fincas e as plantas son agradecidas, se as coidas obtés resultados, aínda que non sexa algo matemático e ás veces aínda facendo as cousas ben acaban saíndo regular”, recoñece este mozo horticultor, que considera fundamental a toma de datos durante todo o proceso de produción e comercialización. “Tendo información e datos tes poder, tanto para producir como para vender”, asegura.

Economía circular

blank

Parte do esterco que empregan para o abonado sae da explotación de carne que segue mantendo a súa nai, Dominica Vidueiro, e a onde van parar tamén os excedentes de produción. “Cebamos 80 xatos ao ano das razas rubia galega e asturiana. Os animais cumpren unha dobre función. Por un lado estramos e aproveitamos o abono para as fincas e ademais os xatos son uns grandes consumidores de produto de segunda. Hoxe no mercado como o produto non sexa todo de primeira non ten saída e a grande distribución é moi esixente con iso”, explica.

Cos excedentes e o produto de segunda ceban 80 xatos ao ano, que producen tamén o esterco para as terras

Así que patacas, repolos, cabaciños ou outros produtos que saen da horta serven para cebar os becerros, dando así saída aos excedentes. Tamén venden directamente a clientes na propia explotación ese produto de segunda, que comercializan á metade de prezo como un xeito de recuperar parte do gastado en producir eses artigos que contan con menor valor comercial no mercado ou directamente son rexeitados.

Chegar directamente ao consumidor

Javier, cunha das tres furgonetas que teñen para o reparto

Javier, cunha das tres furgonetas que teñen para o reparto a tendas e restaurantes de Galicia e Asturias

Unha das apostas desta empresa de Riotorto, pioneira na venda online de produtos da horta, é a venda directa. “Buscamos seriedade nos distribuidores e intermediarios e seguimos coas rutas das furgonetas para subministrar directamente ao pequeno comercio e a restaurantes, que é o que nos empurrou a medrar estes anos”, di.

“Falta concienciar á xente de que o quilo de tomate non se pode vender a 70 céntimos”

Aínda que a simple vista semella que os produtos da horta non son os que mellor encaixan para vender a través da internet, tanto polo seu menor prezo como polo carácter perecedeiro dos produtos, a experiencia de Hortícolas Javier Miranda demostra que se trata dun perxuízo que o consumidor está a perder.

Restaurantes gourmet de toda España e galegos que están fóra son os seus dous principais clientes por internet

Esta empresa leva desde o ano 2016 facendo envíos. O proceso que seguen está perfectamente protocolizado. “Recollemos pola mañá, a mediodía preparamos os paquetes, unha empresa de mensaxería recólleo pola tarde e antes da unha do mediodía do día seguinte a mercadoría ten que estar en destino”, indican.

Acordos con outros produtores da zona

blank

O feito de chegar directamente co produto ao cliente final, ben sexa a través da venda online ou do punto de venda minorista, encaixa á perfección coa filosofía que aplicaron desde o comezo para salvar a primeira das crises á que tivo que facer fronte a explotación cando o distribuidor co que tiña apalabrada a produción de repolos os deixou tirados: contar cunha rede de distribución propia.

“Coa venda directa sácaste intermediarios, pero supón máis gasto, ten uns custos importantes”

Contan con tres furgonetas de reparto e 5 persoas adicadas a estas labores, tanto preparando a mercadoría e os pedidos como facéndoos chegar ao cliente. “Coa venda directa sácaste intermediarios, pero supón máis gasto, ten uns custos importantes”, di. “As grandes superficies líbrante de todo iso, pero esíxenche exclusividade e logo ao ano seguinte tíranche os prezos”, denuncia.

Para cumprir con todos os pedidos e abarcar unha gama máis ampla de produtos ten acordos con outros produtores. “Ademais do que nós labramos, tamén mercamos a outros produtores da zona para poder dar servido aos nosos clientes”, explica. “Temos unha produtora en Lourenzá que nos pón leituga todo o ano e outro en Castro que nos labra o tomate. Nós aportámoslles todo, a planta, o asesoramento técnico e a embalaxe e eles producen para nós”, conta.

“Quero bo prezo para poder pagar ben aos meus empregados”

blank

Javier é un mozo valente e con ética que está orgulloso do que fai, pero bota de menos no consumidor en Galicia a cultura que hai no País Vasco, onde “a xente le as etiquetas dos produtos”, di. “Aquí a xente quéixase de que non queda ninguén no rural, pero logo vai ao supermercado e compra as leitugas de Portugal e as xudías de Marrocos. Con esa mentalidade non se fixa poboación nin no sector da horta, nin no do leite, nin no da carne nin en ningún outro”, argumenta.

“Hai veces que trituramos fincas de repolo enteiras. Non queremos meter produto no mercado a calquera prezo porque iso é tirar os prezos para a tempada seguinte”

Por iso, asegura, “todo pasa por cambiar ao consumidor, porque se o almacenista vende máis leituga de Portugal que de aquí porque é máis barata seguirá traendo leituga de Portugal”, evidencia. E engade falando da falta de concienciación do consumidor galego: “Eu non poido entender que na casa dun gandeiro que tivo que pechar porque lle pagaban pouco o leite se vaia agora ao supermercado a mercar leite de marca branca”.

“Cando o mercado me obrigue a pagarlles 700 euros aos meus traballadores eu pecho porque eu non quero iso”

“Eu quero prezo para os meus produtos porque eu non busco só o beneficio para min, búscoo para todos os que están comigo. Cando o mercado me obrigue a pagarlles 700 euros aos meus traballadores eu pecho porque eu non quero iso”, afirma rotundo Javier.

Cando Javier comezou a súa oficina era a cociña da casa. “Iso era antiempresarial total, porque viña calquera comercial e acababa tomando café ou comendo uns chourizos”, ri. Agora contan xa cun pequeno local que lles serve de almacén e de centro loxístico, pero este mozo emprendedor non esquece a axuda que lle prestaron os seus veciños nos comezos. “Moita xente se involucrou ao ver que eu me quería adicar a isto e deixáronme as súas fincas e mesmo alpendres que tiñan sen usar”, lembra.

Un equipo profesional formado por xente nova

Pero o proxecto foi medrando e as necesidades tamén cambiaron. “A base desta empresa é rodearme de xente profesional, eu non o poido facer todo nin estou capacitado para saber de todo e moito e ben non hai quen, xa o dí o refrán”, razoa Javier. Esa mesma estratexia aplicouna na incorporación de persoal técnico a distintos postos clave da empresa, que conta cun plantel fixo de 7 persoas todo o ano, con persoas especializadas nas distintas facetas (ademais da responsable de márketing conta cun técnico de campo, cun condutor especialista para a maquinaria e cunha persoa responsable da base de datos).

Contan cunha especialista en márketing dixital, un técnico agrícola, un conductor para andar coa maquinaria e unha persoa que se encarga das bases de datos

O persoal fixo chega a multiplicarse por tres coa man de obra contratada de xeito temporal durante as campañas de produtos como as patacas ou as cebolas. Javier pón enriba da mesa o problema existente para atopar este tipo de man de obra. “Aquí pagamos o que marca a lei e os horarios tamén son os que marca a lei pero non damos encontrado persoal”, di. “Aquí non hai xente para traballar porque a xente nova marchou e os inmigrantes non queren vir para un sitio coma Riotorto, onde non hai comunidade senegalesa ou marroquí como hai nas cidades”, argumenta.

E insiste: “queremos xente profesional aínda que teñamos que pagar máis”. Javier ten traballando consigo de xeito permanente a catro inmigrantes que están perfectamente integrados tanto na empresa como en Riotorto. “Agora van traer as familias para aquí, que é tamén o que queremos nós porque é algo importante para un concello que perde 80 habitantes cada ano”, di.