Torta de Sarria, a receita da avoa Filomena

Lourdes, nunha feira antes do covid coa tarta de améndoa e castaña e outros produtos que elabora

Lourdes, nunha feira antes da covid, coa tarta de améndoa e castaña e outros produtos que elabora

“Até a crise do 2010 traballei no sector da construción, primeiro en Vigo, logo en Lugo e finalmente en Sarria. Vinme achegando”, conta Lourdes Pombo, enxeñeira industrial de formación. Pero a empresa para a que traballaba pechou e foi ese “un momento de pensar en cambiar de vida”. Condicionada polo ERE e pola maternidade, apostou pola repostería, “que foi algo que sempre me gustou moito”, engade.

Hoxe o que Lourdes constrúe son doces, sobremesas e larpeiradas. “Non me custou decidirme, tíñao claro e cando tomo unha decisión non me volvo para atrás”, afirma. Cun investimento inicial que non foi moi elevado, adaptou un local na casa para destinalo a obrador. Alí é onde prepara os pedidos e onde investiga novas creacións.

Lourdes fixo o seu primeiro hoxaldre aos 14 anos e cando o ERE da empresa de construción para a que traballaba a deixou no paro retomou aquela afección xa como negocio

Comezou elaborando unha receita familiar que facía a súa avoa Filomena e a súa nai Carmen nas festas ou nas matanzas. Hoxe segue a ser o seu produto estrela e o que dá nome ao obrador. A torta de améndoas e castañas Val de Sarria faise en dous formatos, de 800 e de 260 gramos. Lourdes adaptou a receita familiar orixinal, de hai moitos anos, aos gustos actuais. Ademais dun 20% de améndoa e un 10% de castañas leva fariña de trigo integral, manteiga, ovos, azucre moreno, produtos lácteos, licor, sal, bicarbonato e xenxibre.

O seu produto estrela é unha tarta de améndoas e castañas que se facía na súa casa para as festas e as matanzas

Á torta de Sarria fóronse engadindo outras receitas tradicionais galegas, como as cocadas ou os amendoados, que Lourdes fai con améndoa máis enteira. “Gústame máis a textura e o sabor”, di. “Busco ingredientes puros”, engade. Emprega, por exemplo, fariñas integrais e semiintegrais, nunca fariñas refinadas, e no caso de levar azucre, este é azucre de caña.

Creacións propias

As'Panxoliñas' son galletas con forma de estrela montadas con cocholate en forma de árbore de Nadal

As ‘Panxoliñas’ son galletas con forma de estrela montadas con chocolate ao xeito dunha árbore de Nadal

Lourdes foi tamén ampliando a súa gama de produtos con creacións orixinais, como as pastas de xarope de pradairo ecolóxico, que non levan azucre; as Berveniñas, unhas galletas con herba luísa; ou as Veganiñas, feitas de cacao, aguacate, mazá, fariña de espelta integral e aceite de oliva. “Son as últimas que saquei e están gustando moito”, asegura.

“Busco ingredientes puros e as receitas son orixinais miñas; todos os anos adico un tempo a investigar”

A maiores dos produtos dispoñibles todo o ano, Lourdes elabora doces específicos para distintas épocas do ano, como o Nadal, unha época de moito traballo na que fai mazapáns e tamén Panxoliñas, unhas galletas en forma de estrela montadas con chocolate formando unha árbore de Nadal. “Saqueinas no 2015 e cada vez vendo máis tamén”, di.

Pretende achegar ao consumidor á repostería caseira saudable e de calidade

“Todos os anos adícolle un tempo a investigar e crear receitas orixinais miñas”, explica. Pretende achegar ao consumidor á repostería caseira saudable e de calidade e procura empregar, na medida do posible, materias primas locais para contribuir a mellorar a vida no rural porque o seu é un deses proxectos que demostra que é posible emprender no rural. Un ano despois de poñer en marcha a seu obrador de pastelería tradicional recibiu un premio de emprendemento, o Premio Nacional de Emprendedoras, e gusta de colaborar con outras mulleres da comarca de Sarria que tamén optaron por crear empresas de alimentación en base a produtos de calidade da zona.

Elaboración artesá sen conservantes

TORTA DE SARRIA elaboracion

A premisa fundamental coa que Lourdes traballa é facer produtos naturais sen conservantes e elaborados artesanalmente. No seu obrador, de feito, só hai un robot que emprega para as masas máis complicadas e un forno. É a única maquinaria existente. O resto consiste en traballo manual e creatividade.

“A clave está en facelo como se fose para ti, con materias primas naturais, pouco azucre e sen aditivos”

O do traballo artesán é, ademais, algo moi presente na casa de Lourdes. Xermán, a súa parella, é luthier e fabrica instrumentos musicais galegos. A súa filla Xulia tamén colabora e encárgase de debuxar as etiquetas e de catar as novas creacións… “Procuramos coidar a presentación”, destaca Lourdes.

“Traballo fundamentalmente sobre pedido e en función diso vou elaborando para que o produto vaia sempre fresco”

Organiza o traballo no obrador segundo a demanda. “En función dos pedidos elaboro máis ou menos días, nunhas épocas tres días á semana e noutras máis. De novembro a Noiteboa, por exemplo, todos os días, incluídos sábados e domingos”, conta. “Non ten sentido ter almacenado produto, así chega sempre fresco ás tendas e aos clientes, vai feito do mesmo día ou do día antes como moito. Ao non levar conservantes a caducidade é curta, varía entre 15 días e 3 meses dependendo do produto”, explica.

Agasallos personalizados

Procuran coidar a presentación e as'Berbeniñas' van nunha caixiña cilíndrica de madeira debuxada

Coida a presentación e algúns dos produtos van nunha caixiña cilíndrica de madeira debuxada por ela mesma

Lourdes fai tamén agasallos personalizados para celebracións como vodas ou bautizos, aínda que agora mesmo isto está aparcado por mor da pandemia sanitaria. O coronavirus paralizou tamén outra das súas liñas comerciais, a das feiras. “Eu ía a moitas, facía unhas 15 ou 20 feiras no ano, sobre todo de produtos artesáns e algunha de carácter profesional”, lembra.

“Este foi un ano sen feiras, pero aumentaron os pedidos para enviar como presentes”

Pero a caída de vendas nas feiras foi compensado en parte co aumento de pedidos nas casas. “Penso que a raíz do coronavirus a xente tamén se volcou máis en mercar produto máis próximo e as tendas tradicionais tamén venderon máis e víronse beneficiadas”, considera. “Foi un Nadal moi intenso, con moitos pedidos, a verdade”, recoñece.

Preparou distintas cestas para enviar como presente tanto por parte de particulares como de empresas que queren agasallos máis personalizados. Pero iso tamén multiplica o traballo. “Non teño empregados, eu elaboro, fago traballo comercial, reparto e vou ás feiras”, explica. Ademais destas citas e eventos, as tendas especializadas son a súa principal canle de venda. Surte a tendas de toda Galicia e mesmo ten algunhas en Madrid ou Barcelona.